A Concellaría de Medio Ambiente, dirixida por Marián Sanmartín, informou de que os composteiros individuais de Sogama chegarán á vila marinense a principio do próximo mes. Concretamente, as unidades repartiranse o luns, 10 de febreiro, ás 19.30 horas, na Casa de Cultura de Seixo.
Aqueles veciños e veciñas que teñan interese en adquirir un composteiro individual deberán presentar unha solicitude no Concello a partir de hoxe. Pódese facer de maneira presencial, nas oficinas de Alcaldía, en horario de mañá, ou escribindo un email a alcaldia@concellodemarin.es.
Será necesario indicar nome e apelidos, DNI e teléfono de contacto, e haberá que acudir o luns día 10 ao acto de recollida. Un requisito indispensable para poder gozar dun composteiro será estar empadroado no Concello de Marín.
Este é o segundo ano que o Concello reparte, a través de Sogama, estas unidades de compostaxe individual. “Repetimos debido ao enorme éxito que tivo o ano pasado esta iniciativa”, asegurou a concelleira.
O modelo da compostaxe está xa instalado na vila para quedarse. Nestes momentos, ademais desta modalidade individual, Concello e Deputación traballan conxuntamente para instalar composteiros comunitarios no Sequelo, na Cañota e en Mogor.