Aberta a tempada de furanchos e o prazo de solicitudes para a súa apertura

Aberta a tempada de furanchos e o prazo de solicitudes para a súa apertura

O inicio do mes de febreiro en Marín está asociada a unha das épocas máis esperadas do ano na vila marinense: a apertura da tempada de furanchos, que irá do 1 de febreiro ao 30 de xuño.
Segundo informou esta mañá a Concellaría de Turismo e Comercio, xa se poden realizar os trámites para solicitar a apertura destes locais, que terán un máximo de tres meses de actividade dentro da tempada habilitada na ordenanza.
Considéranse furanchos aqueles locais que se utilizan principalmente para venda privada, onde os propietarios e as propietarias venden o excedente do viño da colleita propia elaborado na casa para o seu consumo particular, xunto coas tapas que se poden ofrecer segundo indica a ordenanza.
Ademais dos furanchos, existen os loureiros, tamén chamados abillados, cuxa única diferenza cos anteriores radica en que nestes os produtos alimentarios son levados pola clientela.
A normativa vixente no municipio estipula unha serie de esixencias a estes locais para que poidan funcionar como furanchos e para que así formen parte do Rexistro Municipal de Furanchos e Loureiros. Por exemplo, no que ten que ver co horario, só poden abrir de 12.00 a 00.00 horas. De venres a sábado e de sábado a domingo, así como nas noites anteriores a festivos, amplíase unha hora este horario.
Os locais deben ter unha superficie de entre 10 e 150 metros cadrados e deben cumprir ca normativa vixente de prevención e protección contra incendios, así como cas medidas sanitarias relativas ao tabaquismo, á venda e subministro de alcohol e a publicidade deste tipo de productos.

Viño de casa e catro tapas
A ordenanza, da que se pode consultar todo o seu contido na web do Concello, recolle que só se poderá suministrar no furancho o viño con orixe nas viñas emprazadas no termo municipal de Marín e a súa comarca, que deben estar regularizadas no Rexistro Vitícola de Galicia.
Ademais, non pode ser viño embotellado, senón que debe proceder directamente dos barrís, que terán que estar numerados.
En canto á alimentación, poderán servirse catro tipos de tapas: orella ou chourizo, tortilla, zorza ou raxo e empanada. Haberá unha quinta, a escoller entre callos ou costela.
A taxa de apertura que deberán abonar os furancheiros dependerá dos litros de viño que vaian vender:
⁃ Ata 500 litros, 100 euros
⁃ Ata 1.000 litros, 200 euros
⁃ Ata 1.500 litros, 250 euros
⁃ Ata 2.000 litros, 300 euros
⁃ Ata 2.500 litros, 350 euros
Ademais dos anexos debidamente cumplimentados, os solicitantes para abrir o furancho deberán presentar a documentación que se pode consultar na ordenanza.

Anterior Éxito total da Carreira do Truco de Seixo

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados