A Tesourería de Seguridade Social cede ao Concello o uso da primeira planta da Casa do Mar para fins sociosanitarios e asistenciais

A Tesourería de Seguridade Social cede ao Concello o uso da primeira planta da Casa do Mar para fins sociosanitarios e asistenciais

O Concello de Marín e a Tesourería Xeral da Seguridade Social, dependente do Ministerio de Traballo, veñen de asinar un acordo de cesión de uso da primeira planta da Casa do Mar para que o municipio poida utilizar a infraestrutura con fins sociosanitarios e asistenciais.
Con este paso definitivo, o Concello consegue acadar un dos seus obxectivos a nivel social, que é poder reutilizar esa primeira planta do edificio para poder ofrecer servizos ás persoas maiores da vila, aproveitando o idóneo das súas instalacións e o céntrico da súa localización.
O inmoble, sito na rúa Ezequiel Massoni, ten unha superficie total construída de 2.092 metros cadrados e actualmente tiña esta primeira planta baleira, debido a que antes albergaba o centro de saúde, que agora conta cun edificio novo, inaugurado hai uns anos e cunhas prestacións moito máis acordes ás necesidades da poboación marinense.
No que se refire ao resto do edificio da Casa do Mar, o primeiro andar está transferido á Xunta de Galicia e destinado a servizos en materia educativa, de emprego e de formación profesional, encomendados ao Instituto Social da Mariña (ISM). Na segunda planta, están as oficinas da Dirección Provincial do ISM.
Agora, grazas á consecución deste acordo coa Tesourería, a primeira planta vai estar de novo en funcionamento. Para iso, o Concello de Marín asumirá todos os trámites e os custos derivados das obras de reforma e mellora da superficie, para adaptala ao fin sociosanitario que se lle quere dar. O presuposto inicial destes traballos ascende a 450.000 euros máis IVE. Asemade, o Concello asumirá os gastos de mantemento, de servizos e suministros e os impostos que así correspondan, incluído o IBI.
Con este novo paso, o Goberno local aspira a poder mellorar os servizos municipais que se lle ofrecen ao rango de poboación da terceira idade, que precisa de servizos e instalacións aptas para as súas necesidades, como é a atención asistencial.

Anterior Listas admitidos nas Escolas Deportivas Municipais 2019/2020 (03/10/2019)

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados