A Ruta Montes e Praias celebrará a súa edición máis especial

A Ruta Montes e Praias celebrará a súa edición máis especial

Novidades no itinerario, unha data moi especial e solidariedade. Eses son os ingredientes da sexta edición da Ruta Montes e Praias de Marín, presentada este mediodía no espectacular Banco de Pastoriza, por parte da concelleira de Turismo, Cristina Acuña, e os representantes da AECC e da Asociación Xesteiras.
A andaina deportiva, que está incluida no circuito Open de Andainas de 25 Km de Galicia, terá lugar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, con saída ás 09.00 horas da Alameda. O papel das mulleres na sociedade será un eixo vertebrador da actividade, que terá o seu reflexo nun concurso de lemas no que se unan o sendeirismo e a igualdade de xénero.
Segundo se explicou hoxe na presentación do evento, cada participante que se inscriba poderá escoller unha pequena frase que aparecerá no seu dorsal e que optará a ser o lema escollido finalmente para a ruta. Tamén se realizará un photocall con gran parte destas frases.
Un dos obxectivos que se persegue nesta nova edición é “superar o éxito da anterior”, xa que a finalidade última é a de recadar fondos para que a AECC de Marín poida continuar realizando a súa indispensable labor.

Novo itinerario
Segundo explicou José Francisco Gil, de Xesteiras, esta edición terá como alicienre a variación do itinerario con respecto a outros anos. “Imos variar un pouco o trazado propio da Ruta de Montes e Praias, incluindo algúns puntos que nos demandaba moito a xente como o Monte Pituco, o Lago de Castiñeiras ou a zona das Fervenzas do Neibóo, que seguro que lle descubrimos a moita xente”.
Aínda que a ruta pode chegar a ser dura, “a beleza das paisaxes compensa todo”, asegurou Gil. Así a todo, para aquelas persoas que prefiran un traxecto máis curto, está o trazado de 15 km, “que tamén subirá ata o Lago, pero despois xa baixara cara Marín sen dar tanta volta”. Neste caso, ademais, visitaranse as ruinas dunha torre medieval “que serán explicadas por un historiador”.

Inscricións
O prazo de inscrición xa está aberto na páxina www.25km.es e finalizará ás 00.00 horas do mércores, 4 de marzo. O límite de participantes será de 700 persoas e para as primeiras inscricións da ruta de 25 km haberá un prezo especial de 9 euros. A medida que se achegue a data, ese prezo ascenderá ata os 10 euros para os federados e ata os 13 para os non federados.
O prezo para participar na ruta de 15 km será, igual ca en pasadas edicións, de 5 euros e incluirá a posibilidade de solicitar as “bolsas do andarín”. 

Actividades paralelas
O domingo 8 de marzo será un día de frenética actividade na vila, dado que ademais da ruta, celebraranse os actos institucionais do 8M.
Por outro lado, ese día a Alameda acollerá a celebración da Festa do Bolo do Pote, que este ano estará organizada pola Asociación Pousos da Area, e que tamén será un atractivo para as persoas que rematen a ruta, que poderán probar o caldo e o tradicional bolo de pan que se cociña nesta festa.
Finalmente, o Concello traballa para optimizar ao máximo a organización da ruta e o coñecemento da mesma máis alá do exercicio. Por iso está previsto que se recollan os dorsais o sábado 7 e que haxa unha conferencia relacionada cas contornas que se visitarán ao día seguinte.

Anterior O Concello traballa na mellora da accesibilidade cognitiva da Casa Consistorial

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados