A segunda fase da humanización de Concepción Arenal comeza a visualizar a súa finalización. A previsión é que a mediados de abril poida estar rematada esta intervención, coa que se mellorou substancialmente a mobilidade para os peóns e coa que tamén se solucionaron os problemas que presentaba o tráfico rodado pola antiga configuración dos carrís.
No que respecta ao saneamento, “as tripas” da rúa, que agora conta cunha rede separativa de augas pluviais e fecais, xa está todo rematado e instalado. Ao longo deste fin de semana tamén quedarán listas as novas beirarrúas, cunha anchura maior e con pavimento renovado.
Durante a próxima semana, comezarán a pintarse as novas prazas de estacionamento, que seguirán o mesmo deseño que na primeira fase da obra, colocándose en liña. Está previsto que o asfaltado dos carrís de tráfico comece a finais deste mes. Namentres, seguirase traballando na instalación do novo mobiliario urbano e das árbores ornamentais coas que contará esta vía.
Por outra banda, está recollido no proxecto a consecución dun espazo eficiente a nivel enerxético, polo que serán cambiadas as luminarias penduradas das fachadas, dado que o resto da iluminación xa é de tecnoloxía LED. Para garantir unha maior seguridade, intensificarase a iluminación nas inmediacións dos pasos de peóns, polo que se instalarán unha serie de puntos de luz novos, tamén acordes cos criterios de eficiencia enerxética e baixo impacto ambiental. A obra concluirá cas labores de pintado da sinalización horizontal.
O custe global da actuación será de 653.423 euros, ca axuda económica da Axencia Galega de Infraestruturas, dependente da Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia.