22 xullo 2021
A Rúa Camiño Vello de Seixo xa loce a súa nova imaxe. A recente
humanización levada a cabo neste viario tan importante para a parroquia
supuxo unha transformación total do mesmo, non só do seu aspecto,
senón tamén de todo o que ten que ver cos servizos de saneamento e
abastecemento.
Esta tarde, ás 20.30 horas, realizouse unha visita oficial ao recentemente
humanizado viario, coa presenza da alcaldesa, María Ramallo; os
deputados provinciais Santos Héctor Rodríguez, Gregorio Agís, Ana Laura
Iglesias, Noemí Outeda e Raquel Giráldez; os concelleiros Pablo Novas e
Raquel Soage, entre outros representantes do Goberno local, da Asociación
de Comerciantes Marín Sur (Acemas) e doutras forzas da Corporación
municipal.
“Esta era unha obra fundamental para Seixo, xa que se trataba dunha vía
moi transitada, con moita veciñanza, e que se atopaba nun estado moi
deteriorado, co pavimento afectado e con problemas pola antigüidade dos
servizos públicos”, expuxo a alcaldesa durante a inauguración. Tamén un
dos representantes da Deputación de Pontevedra realizou unhas
declaracións en nome do ente institucional, do que deriva a subvención do
Plan Concellos.
Co proxecto, levouse a cabo unha mellora integral de todas as “entrañas”
da rúa, renovando todas as canalizacións de saneamento e
abastecemento. E no que respecta á imaxe exterior, colocouse novo
pavimento e novo mobiliario urbano, ademais de renovar toda a
iluminación, cumprindo cos estándares de aforro enerxético.
Por outra banda, mellorouse o deseño do viario, deixando o carril da
estrada nunha única dirección, de tal xeito que se puideron anchear as
beirarrúas, que pasaron de medir 1,60 metros, aproximadamente, a estar
en torno aos dous metros e medio.
A intervención realizouse con cargo ao Plan Concellos da Deputación de
Pontevedra, cunha inversión total de 374.361,63 euros.