08 maio 2021
O concelleiro de Facenda, Manuel Santos, informaba este venres da boa saúde fiscal coa que o Concello de Marín pechou o exercicio do 2020, con cero endebedamento e cun remanente de Tesourería de 4.263.527,37 euros.
Con esta capacidade inversora de aforro, o Concello ten previsto financiar diversas actuacións relevantes para o municipio, co obxectivo de continuar ofrecendo servizos públicos de calidade. Dentro deses proxectos, destacan tres:
1.- A remodelación da Casa do Mar para convertela nun Centro de Día – Máis de 100.000 euros
O Concello destinará máis de 100.000 euros do seu remanente ao financiamento da obra de reforma do primeiro andar da antiga Casa do Mar para convertela nun Centro de Día para as persoas maiores da vila, apostando por un modelo público e de calidade para o coidade e a atención da poboación da terceira idade.
Este proxecto de obra, que procura readaptar o espazo dispoñible ás esixencias dun servizo como o que se quere prestar no futuro, realizarase ao abeiro dun convenio asinado coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
2.- A pavimentación da praza pública de Ponteporto – Máis de 237.000 euros
Outra das obras nas que se investirá unha partida do remanente de Tesourería será a pavimentación da praza pública de Ponteporto, situada na Avenida de Ourense. Esta obra mellorará o aspecto visual da praza e tamén os problemas de filtracións que presenta.
3.- Programa Reactiva Marín – 65.000 euros que se suman á confinanciación polo Marín Dusi
A estratexia Marín Dusi está confinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e dentro dela o Concello incluíu o programa Reactiva Marín, un ambicioso proxecto de formación e profesionalización para o comercio e a hostalaría locais englobado en Marín en Rede.
Do remanente, o Concello separará 65.000 euros para facer fronte ao 20% de financiación con fondos propios que require este plan, co que se pretende axudar á economía local a gañar en competitividade, sobre todo no eido dixital, para poder afrontar os estragos económicos derivados da situación sanitaria e o cambio no modelo de consumo da clientela.
A alcaldesa, María Ramallo, destaca a importancia de “ter conseguido que os Concellos que temos unha situación equilibrada e ordenada a nivel financeiro poidamos acometer inversións financiadas co noso remanente, cos nosos aforros, para así seguir traballando polas nosas vilas e cidades, sacando adiante proxectos de mellora para os servizos públicos e para a calidade de vida da nosa veciñanza”.