A primeira fase de humanización da rúa de Concepción Arenal entra na súa fase final

A primeira fase de humanización da rúa de Concepción Arenal entra na súa fase final

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, visitou hoxe as obras de humanización da rúa Concepción Arenal, en compañía do concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, e a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, un proxecto que ten como obxectivo mellorar a xestión do tráfico neste vial tan transitado e renovar o deseño do espazo urbano no núcleo da vila.

A primeira fase, que vai desde a rúa Real de Cantodarea ata a rúa José Trasande, xa está na súa recta final, segundo puideron comprobar as autoridades locais. Durante a próxima semana, está previsto que se comecen os traballos de fresado e asfaltado, aínda que nos prazos influirás as condicións meteorolóxicas, dado que son actuacións que non se poden levar a cabo con chuvia polo material que se utiliza.

Se o tempo o permite, a partir da seguinte semana, unha vez se remate co asfalto, daranse os últimos retoques ao mobiliario urbano, rematarase ca instalación da nova iluminación, que xa está moi avanzada e instalarase a nova sinalización de tráfico.

“A non ser que as climatoloxía non o permita, deberíamos poder finalizar este tramo a mediados de outubro, e xa comezaríamos cos traballos da segunda fase”, adiantou a rexedora. Esta segunda parte afectará ao tramo entre José Trasande e a Rotonda das Anclas.

O proxecto estase facendo ao abeiro dun convenio entre o Concello e a Consellería de Infraestruturas, dirixida por Ethel Vázquez, no que se recolle que o ente autonómico sufragará o 80% da obra, sendo o 20% restante aportado polos fondos propios da institución local. O custe global da obra ascende a 1.615.136, 01 euros.

Máis comodidade e mellores servizos

Un dos obxectivos que persegue o Concello coa execución destas obras é o de dotar de maior amplitude ás beirarrúas, tratando, por un lado, de ensanchar o espazo dirixido aos peóns naqueles tramos nos que o tráfico e as fachadas existentes o permitan, e por outro de evitar os problemas que se daban na circulación debido as dimensións estreitas dos carrís.

Para ganar ese espazo, suprimiuse unha liña de estacionamento, quedando habilitada unicamente a da marxe dereita (sentido Marín). O que si se mantivo foi a dobre dirección, debido á gran carga de tráfico que soporta este viario.

Por outra banda, aproveitando o levantamento do pavimento, o Concello decidiu substituír todas as redes de saneamento e abastecemento. “Os antigos servizos daban moitos problemas, con constantes avarías, polo que era unha necesidade urxente renovalos”, afirmou durante a súa visita a rexedora.

Un Marín máis humanizado

O centro urbano da vila está transformándose para converter a Marín nunha vila cómoda e sostible. Por iso, o Concello está impulsando actuacións relacionadas co urbanismo e a mobilidade.

Ademais das dúas fases de humanización de Concepción Arenal, unha delas é a humanización da Avenida de Ourense, en pleno proceso de execución, un proxecto que forma parte da Estratexía Marín 2020, financiada polos Fondos DUSI.

Neste vídeo resúmense os detalles fundamentais dunha das humanizacións máis relevantes que se están executando actualmente na vila

Anterior Marín, pioneira no impulso da práctica do salto de trampolín

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados