Os concelleiros de Medio Ambiente, Urbanismo e Turismo, Marián Sanmartín, Manuel Santos e Cristina Acuña, respectivamente, visitaron esta semana as obras de renovación e mellora da Estación de Bombeo de Augas Residuais de A Goleta, ubicada na parroquia de Seixo, preto da praia de Aguete.
Esta actuación, que ten como obxectivo reducir ao máximo posible os alivios ao areal marinense e optimizar así a rede de saneamento da vila, comezou a principios deste mes e nestes momentos, segundo indicaron desde a empresa executora, estase rematando a primeira fase.
Se a climatoloxía axuda, de cara a Nadal poderá rematarse a colocación do novo colector, co que se corrixirá un desnivel que existía entre a estación e a zona de alivio e que contará con dous depósitos de retención de sólidos, que filtrarán as augas antes de que pasen pola rede.
“É unha dobre seguridade”, afirman desde a Dirección de Obra, que recalcan que con esta solución técnica non só se reducirá de xeito relevante a frecuencia dos alivios, senón que os que se produzan irán moito máis limpos e terán menos impacto medio ambiental.
A segunda fase da actuación consiste na substitución das bombas actuais por outras novas, que aumentarán o capacidade de caudal da EBAR nun 70% e que tamén reducirán a presenza de sólidos na auga. Ademais, seguindo os criterios de eficiencia enerxética, a nova instalación constará dun novo cadro eléctrico que alongará a vida dos elementos das bombas e que reducirá o consumo de enerxía.
Segundo os prazos que manexa o Concello, o máis probable é que esta última fase dos traballos quede rematada en febreiro do ano que ven.
O proxecto ten un custe global de 161.873,24 euros, que se invisten con cargo ao Plan Concellos 2018 – 2019.