A crise sanitaria que estamos a vivir por mor da pandemia da COVID19 tamén afectou á educación, que tivo que reinventarse e utilizar as novas tecnoloxías para poñer en marcha a teledocencia, de tal xeito que a mocidade non perdese parte do curso escolar a pesar de non poder acudir fisicamente ao seu centro educativo.
Mais, aínda que cambia o modelo, seguen existindo problemas derivados da abstención escolar, polo que a Policía Local vén de pechar unha novidosa colaboración con Inspección Educativa e con cinco centros escolares do municipio para activar o Programa Axente Titor e así actuar nos casos de absentismo escolar dixital.
Segundo explicaron fontes da Policía Local, este programa xa está en activo desde esta mesma semana e ten por obxectivo “tratar de contactar con aquelas familias nas que se da este problema co alumno ou coa alumna, coñecer o motivo deste absentismo e tratar de darlle unha solución para evitalo”.
En total, contactarán con 22 familias, que son as que lles trasladaron os centros, e tratarán de facer un contacto presencial, sempre que sexa posible. Hai dous axentes da Policía Local destinados a este programa, que leva sendo deseñado desde hai meses e que estaba previsto poñer en marcha a partir do curso que vén, “pero decidimos iniciar xa este servizo debido á alta demanda derivada desta situación”.
Así a todo, de cara ao próximo curso o programa seguirá en funcionamento, cubrindo todas as áreas que contempla: solución do absentismo escolar, resolución de situacións de acoso, identificación de casos de consumo de drogas nos centros escolares, asesoramento e prevención en redes sociais e seguridade dixital e mellora da seguridade viaria no entorno das escolas e institutos.