A obra de instalación do novo colector na Avenida de Ourense pospoñe a súa finalización ao primeiro trimestre do 2020

A obra de instalación do novo colector na Avenida de Ourense pospoñe a súa finalización ao primeiro trimestre do 2020

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e os concelleiros Manuel Santos e Marián Sanmartín reuníronse hoxe con membros da empresa Copcisa, que se está encargando de levar a cabo a obra de renovación do colector da Avenida de Ourense, co fin de avaliar o estado dos traballos.
Segundo indicaron desde Copcisa, a data de finalización dos traballos, que estaba fixada para finais deste ano, terá que pospoñerse ao primeiro trimestre de 2020, debido a unha serie de dificultades técnicas que foron aparecendo no desenvolvemento da obra, que está aplicando solucións de inxeñería pioneiras para poder sacar adiante a nova infraestrutura de saneamento. A actuación enmárcase dentro do Plan de Saneamento da Ría de Augas de Galicia, dependente da Xunta de Galicia.

Nestes momentos, estase acometendo a fase 4 dun proxecto que suporá un antes e un despois no sistema de saneamento da vila de Marín, ca vista posta na redución dos verquidos á ría de Pontevedra, unha materia pendente que o Concello, con esta obra, deixará resolta.
A empresa indicoulle á rexedora que as tarefas de canalización están xa rematadas e que se está a traballar intensamente no proceso de bombeo e na estrutura do tanque, que servirá como depósito de retención. Copcisa calcula que este elemento está no 40% do seu proceso construtivo.
Os representantes do Goberno municipal e os técnicos da empresa repasaron tamén a “meritoria labor” que se está levando a cabo nesta fase da obra, na que se están realizando excavacións verticais que chegan a unha profundidade de oito metros.

Unha vez se remate con traballo interno, construirase unha caseta nese punto da Avenida de Ourense desde a que se manexarán os equipos hidráulicos que traballarán dentro do depósito e que permitirán reducir o caudal que chega á depuradora de Placeres.
O presuposto global que se investiu neste proxecto, necesario para mellorar o ecosistema fluvial pontevedrés, é de 1.802.130,15 euros (sen IVA).

Anterior Avanzan a bo ritmo as obras de mellora da estrada rural de Mimáns, entre Ameal e Ruanova

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados