Este sábado 28 de setembro leva de momento máis de 400 deportistas inscritos. O evento, presentado esta mañá no Concello, xa é unha cita ineludible do calendario atlético galego.
Marín, 24 setembro 2024
O San Miguel non se entende sen a Milla Urbana, un dos eventos deportivos máis lucidos dos que se celebran na nosa vila, que enche a Avenida de Ourense e a Praza de España do mellor atletismo galego.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, e o organizador da carreira, Víctor Riobó, presentaron esta mañá o evento, xunto co presidente do club San Miguel, Carlos de la Torre.
Polo momento, xa hai inscritos máis de 400 corredores, unha cifra que aumentará coas inscricións de última hora e in situo na propia carreira, onde aqueles que participen farán o circuito de 400 metros entre a farola e o parque infantil da Avenida de Ourense (excepto no caso da milla absoluta, que será ata os semáforos frente a Nodosa).
A partir das 18.00 horas dará inicio a carreira cos participantes de Sub16, Sub14, Sub12 e Sub10, para despois dar paso aos máis pequenos. A partir de entón, correrán os da Milla Absoluta e a Milla de Élite.