O órgano, do que forman parte as asociacións de comerciantes e a Corporación municipal, mantivo un encontro esta mañá no Concello despois dun fin de semana marcado polo apoio ao comercio e á economía local
Marín, 05 agosto 2024
A alcaldesa, María Ramallo, presidiu a Mesa Local de Comercio celebrada hoxe, na que participaron a concelleira da área, Cristina Acuña; o técnico de Desenvolvemento Local municipal, así como os representantes das asociacións de comerciantes da vila e dos partidos políticos que conforman a Corporación.
A reunión do órgano serviu, entre outros asuntos, para dar luz verde á concorrencia por parte da Asociación de Placeiros e Placeiras de Marín a unha serie de subvencións convocadas pola Xunta de Galicia e que precisan do apoio da Mesa Local de Comercio.
Estas axudas teñen que ver coa promoción comercial e a sufragación de gastos derivados da realización de campañas por parte destas asociacións, como por exemplo as que se levan a cabo polo Día da Nai, do Pai… Por parte do Concello, estudarase a orde de axudas para avaliar se hai posibilidade de encaixar algúns dos proxectos que o Goberno local querería impulsar na Praza.
Ademais, a Mesa Local de Comercio puido facer unha rápida valoración e balance do Stock Marín, a feira de saldos celebrada esta fin de semana que volveu colleitar éxitos pola súa boa organización, aínda que se fará un balance polo miúdo máis adiante.