A Mesa de Traballo Contra a Violencia de Xénero avalía os datos desta lacra no municipio

A Mesa de Traballo Contra a Violencia de Xénero avalía os datos desta lacra no municipio

As instalacións da Finca de Briz acolleron onte unha nova convocatoria da Mesa de Traballo Contra a Violencia de Xénero, na que estiveron presentes a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, así como a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, Manuela Vilaboy, e representantes da Policía Local e Nacional, do Colexio de Avogados de Pontevedra, do CIM e de Servizos Sociais do Concello de Marín.
Un dos puntos da reunión serviu para deseñar a declaración institucional contra a violencia de xénero que se fará con motivo do 25N, día internacional contra esta lacra, na que se incluirán temas coma a necesidade de ampliar a consideración de vítima por violencia machista, que neste momento só é aplicable á parella ou ex parella do agresor. Esta petición vén reforzada polo cruento asasinato acontecido recentemente en Valga, onde tamén foron asasinadas a nai e a irmá da ex parella do condenado.
Por outra banda, incluirase a inclusión da violencia sexual dentro da categoría de violencia de xénero e que se preserven no anonimato os datos das vítimas que así requiran, como unha forma máis de protexer a súa intimidade e integridade física e moral. Finalmente, na declaración institucional do 25N, o Concello pedirá aos medios de comunicación que as coberturas deste tipo de crimes cumpran ca sensibilidade que así requiren estas informacións.
Con respecto a esta data, comentáronse algunhas propostas de cara á concienciación e sensibilización, por exemplo no traballo que se ven realizando cos centros educativos.
A mesa tamén fixo balance das actividades levadas a cabo polo CIM nos últimos meses, como foi a colocación da Caravana Morada durante o San Migheleiro ou o I ciclo de conferencias.
Asemade, falouse daquelas iniciativas que están dando moi bos resultados e que aínda están en pleno desenvolvemento, coma o plan “Non te esquezas de ti”, e doutras que se executarán proximamente, como a elaboración de material orientado á prevención cos números de auxilio aos que chamar en caso de ser vítima ou testemuña dalgunha situación de acoso, agresión ou maltrato.
A Mesa municipal tamén quixo mostrar publicamente o seu rexeitamento fronte ao incremento que se está a dar nos asasinatos de mulleres en España.
Datos
Segundo se destacou na mesa, na provincia de Pontevedra hai rexistrados 1.104 casos. Desta cifra, Marín representa o 3,4 %, con 39 casos activos a día de hoxe, correspondentes a 38 vítimas.
Excepto un, do que se encarga a Policía Local, todos estes casos son vixiados pola Policía Nacional. En 24 deles non se aprecia risco elevado; 11 presentan un risco baixo; 3, medio, e 1 alto ou extremo.
Por idades, a franxa de 31 a 45 anos é a que máis casos acumula, con 21 vítimas. Está seguida pola de 18 a 30 anos, que son as idades entre as que se atopan outras 13 mulleres, e pola de 46 a 64 anos, onde se rexistran 4 casos. Entre os menores de idade non se contabilizaron vítimas e hai un expediente no rango de máis de 65 anos.
No 2019, rexistráronse 11 novas vítimas no municipio marinense, unha cifra que preocupa ao Concello, consciente das dimensións desta lacra que afecta á sociedade a nivel global “e contra a que seguiremos traballando, tratando de impulsar actividades e iniciativas que aumenten a sensibilización da cidadanía de Marín”, asegurou a concelleira Sanmartín.

Anterior A rúa Ezequiel Massoni contará con novo mobiliario urbano

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados