As instalacións da Finca de Briz acolleron onte ao mediodía unha nova reunión da Mesa de Traballo Contra Violencia de Xénero, na que participou a concelleira de Igualdade, Marián Sanmartín, e representantes do CIM de Marín, de Servizos Sociais e….
Segundo os datos que se expuxeron na mesa, nestes momentos o concello conta con 29 casos activos de violencia de xénero, que se concentran sobre todo nun rango de idade de 30 aos 45 anos. Aínda que ningún destes casos está catalogado como de risco alto, si que hai tres considerados como de risco medio. Os participantes na reunión analizaron a incidencia destes datos, “que seguen evidenciando esta lacra na nosa sociedade contra a que temos que seguir loitando, con medidas, recursos e concienciación cidadá”, asegurou a concelleira.
Sanmartín quixo destacar como se mantivo todo ese traballo durante a pandemia, agradecendo o labor de todos os organismos representados na Mesa, “porque sempre realizan un traballo moi importante, pero especialmente fixérono durante esta época tan complexa, na que non se parou, senón todo o contrario”.
De feito, o Punto de Intercambio Familiar seguiu funcionando durante todo o confinamento nos casos nos que se demandou o servizo, atendendo na actualidade a 9 núcleos familiares.
Ademais, a edil fixo fincapé no contacto estreito que se mantén entre todos os organismos implicados: o CIM de Marín, o departamento de Servizos Sociais, a Policía Nacional, a Policía Local e a Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
Na Mesa fíxose balance tamén doutros programas, como o Axente Titor, que neste ano xa se puxo en activo cun caso ou a iniciativa de bonos sociais de emerxencia para as mulleres vítimas de violencia machista que se repartiron en colaboración coas ONGs da vila.
Por outra banda, destacouse o fortalecemento das comunicacións coas usuarias do CIM, coa habilitación dun número de Whatssap (671497112), que facilita en moitos casos a tramitación telemática de documentación, que doutro xeito non sempre é accesible a mulleres que non teñan determinadas destrezas dixitais.
Coa vista posta nun 25N diferente
A crise sanitaria que estamos a vivir impactou en toda a sociedade, pero especialmente nas mulleres, así como no resto de colectivos máis desfavorecidos. Esa será unha das ideas que vertebren a declaración institucional que se elaborará de cara ao 25N, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero.
Así se adiantou nesta Mesa de Traballo, na que tamén se aportaron outras cuestións que se incluirán nesta declaración, como as novas condutas de agresión e violencia que aparecen no entorno dixital ou a falta dunha educación sexual adecuada.
No que respecta aos actos do propio día, todo estará suxeito á evolución da situación sanitaria no noso municipio, polo que xa se comezan a pensar actividades alternativas que poidan cumprir coas medidas impostas nestes momentos.
Ademais, reforzarase todo o que ten que ver coa comunicación a través de redes sociais e da páxina web do Concello, incidindo na necesidade de concienciación da cidadanía ante a lacra machista.