Un boli bic e un talento que traspasa fronteiras. Ese podería ser un resumo rápido e con brocha gorda da traxectoria e o traballo de Belén Diz Juncal (1993), ilustradora marinense á que este 2023 se homenaxeará na mostra Artista Marinense do Ano, comisariada polo pintor autóctono Antón Sobral e organizada polo Concello de Marín.
Diz é graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e posteriormente titulada no máster de álbum ilustrado e animación musical. A súa técnica máis sobresaínte é a que lle leva a consumir miles de bolígrafos BIC, rachando nun papel infinidade de realidades “que pretenden completar a súa propia”, tal e como se pode ler na súa biografía.
O traballo de Diz engloba diferentes temas e disciplinas, entre as que destacan as ideas da infancia, o corpo e o fogar como refuxio, atravesando o proceso de madurez dos suxeitos que retrata, extraendo momentos puntuais do ámbito privado e da memoria dos mesmos.
Os seus debuxos teñen ese corte realista que os fai tremendamente atractivos, e que combina con luces, sombras, enfoques e desenfoques. Unha das súas últimas creacións foi o cartel promocional das Festas do Carme deste verán, “que foi todo un reclamo pola súa autoría, cun éxito sobresaínte e unha proxección
espectacular pola súa novidade, frescura, orixinalidade e beleza”, tal e como explicar a alcaldesa María Ramallo no texto que lle dá entrada ao catálogo da artista.
A exposición inaugurarase o xoves ás 13.00 horas e poderá visitarse ata o 27 de agosto no Museo Municipal Manuel Torres. Ao rematar a inauguración, a autora estará firmando os carteis da Festa do Carme ás persoas que solicitaron unha copia do mesmo.
Lista de Artistas Marinenses do Ano
Ánxeles Iglesias (2014)
Antón Sobral (2015)
Celeste Garrido (2016)
Miguel Villanueva (2017)
Katsumi Yamaguchi (2018) Ramón Lorda “Deside” (2019) Rosa Crespo (2020)
Xaquín Soneira (2022) Belén Diz Juncal (2023)