O Concello de Marín está a contactar cos establecementos de hostalaría que contan con servizo de terrazas, de cara á posible implantación da fase 1 na nosa comunidade o luns, 11 de maio. A partir deste día, os locais poderán habilitar o 50% das mesas, tomando como referencia para calcular o número de unidades a instalar aquelas que tiña autorizadas o pasado ano.
De cara á posibilidade de solicitar unha ampliación da terraza, o Concello informa de que cada establecemento terá que realizar unha solicitude formal a través do Rexistro municipal ou utilizando a modalidade telemática da sede electrónica. Os locais terán unha marxe de 15 días para presentar esta solicitude, a contar desde o propio luns.
No caso de que a solicitude se presente a través do Rexistro, será necesario contactar previamente co Concello a través do teléfono 986 880300 para pedir unha cita previa, na que se lle asignarán un día e unha hora para vir presentar o documento correspondente.
Con este procedemento, o Concello pretende organizar do mellor xeito posible o espazo público, avaliando de xeito conxunto todas as peticións de ampliación para reorganizar a vía pública sen que entren en contraposición as solicitudes de locais anexos e sen afectar de maneira evidente ás necesidades peonís das propias rúas.
Exención da taxa
O Plan de Reactivación Local do Concello de Marín, co que o Goberno local está a articular todas as medidas económicas e sociais dirixidas a paliar na medida do posible o duro impacto da crise do coronavirus, inclúe a exención total da taxa de ocupación de vía pública polas mesas e as cadeiras durante todo este ano 2020 e tamén o 2021.