A gran reforma urbana de Marín dá un paso máis co inminente inicio das obras de remodelación do Paseo Alcalde Blanco

A gran reforma urbana de Marín dá un paso máis co inminente inicio das obras de remodelación do Paseo Alcalde Blanco

Marín atópase no momento máis importante da súa gran transformación urbana. O 2020 supón o pistoletazo de saída a todos os proxectos que conforman a súa EDUSI, a estratexia de desenvolvemento urbano sostible que cofinancia nun 80% o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.

 

Neste ano, as tres grandes obras de humanización encauzaron a súa execución. Por unha banda, o Auditorio xa está adxudicado á empresa NAOS, que presentou o anteproxecto e está a piques de rematar o proxecto definitivo. A Avenida de Ourense, pola súa parte, comeza a tomar forma coa creación do carril bici e a renovación de todo o seu mobiliario urbano e a súa iluminación. E, finalmente, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, anunciou esta mañá que a remodelación do Paseo Alcalde Blanco tamén comezará a súa andaina a vindeira semana.

 

Ramallo fixo este anuncio durante unha visita ás obras de humanización da Avda. de Ourense, na que explicou que foi necesario volver licitar as obras do Alcalde Blanco por mor dunha renuncia por parte da empresa inicialmente adxudicataria. Deste xeito, finalmente será a UTE Prace – Emergis Construcciones a que se encargará de realizar este proyecto, que cambiará radicalmente a relación do núcleo urbano de Marín con este espazo público e coa súa fachada litoral.

 

A gran unión de Marín co mar

 

Con esta obra, o Paso Alcalde Blanco converterase “nese gran nexo que precisamos co mar, recuperando un espazo que a día de hoxe está inconcluso e que, a pesar de que xa é moi utilizado pola veciñanza, pode dar aínda moito máis de si”, en palabras da alcaldesa, María Ramallo.

A compoñente paisaxística será a gran protagonista da humanización do paseo, cunha mellor integración entre este e a zona na que se ubicará o Auditorio (onde actualmente está a balsa de aparcadoiro), así como co resto do casco urbano de Marín. “Queremos crear espazos agradables, de esparexemento para os nosos veciños e veciñas, aproveitando todos os recursos que temos e a nosa espectacular paisaxe”, engadiu a alcaldesa.

Tal e como se detalla na memoria do proxecto, na punta do paseo crearase unha nova zona de transición, consistente nunha peza de madeira a modo de graderío, onde tamén se habilitarán pequenos miradoiros. Precisamente, as obras que comezarán a vindeira semana faráno nesta parte da intervención urbanística.

Asemade, o proxecto contempla a creación de áreas verdes amplas abondo para acoller diversas especies vexetais, seleccionadas previamente, que sirvan de barreira visual cara a infraestrutura portuaria que colinda co paseo. Nestas áreas tamén haberá espazo para albergar bancos de descanso, elementos de xogo infantil, xogos acuáticos…

Ademais, a humanización deste paseo suporá tamén a implementación dun novo local de hostalaría, cuxo deseño estea integrado ca contorna e que conte con amplos ventanais, facilitando a prestación das vistas ás persoas que vaian facer uso del.

O prazo de execución das obras é de sete meses, a contar desde a comprobación do replantexo e o orzamento total ascende a 1.312.653,45 euros (sen IVE).

A columna vertebral de Marín, para todos

Durante a súa visita, a alcaldesa e os concelleiros puideron comprobar o bo avance das obras na Avenida de Ourense. No primeiro tramo da obra xa se pode ver o trazado do novo carril bici e do novo pavimento.

Tamén será renovado todo o mobiliario urbano e a iluminación. “Somos conscientes da necesidade de dotar á Avenida de Ourense dunha iluminación eficiente, que cumpra cos estándares de aforro enerxético e por iso se fixo un importante esforzo na contratación deste lote dentro do proxecto xeral”, aclarou a rexedora.

O prego do PMUS, aprobado

Por outra banda, a alcaldesa explicou que a Xunta de Goberno Local recentemente aprobou o prego para a contratación do Plan de Mobilidade Urbana Sostible do Concello. Este documento ten como finalidade incorporar as novas actuacións coas que facer fronte aos problemas que presenta o entorno urbano e seguir mellorando o noso municipio.

Xa no 2015 foi elaborado un Plan de Mobilidade e Accesibilidade, que agora será ampliado, actualizado e mellorado para seguir trazando as liñas estratéxicas de cara ao futuro.

Cuestións como a xestión dos desprazamentos rodados no centro urbano, a reorganización e optimización do espazo adicado a estacionamento, a aposta polo transporte urbano e a redución do uso do vehículo privado cando sexa posible ou a xeración de escenarios de maior competitividade para o comercio e a hostalaría serán as que entren dentro deste plan.

 

Anterior Coordinación entre os distintos actores implicados no programa Axente Titor para loitar contra o absentismo escolar

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados