A Fundación Juan XXIII e o Concello de Marín unirán forzas para mellorar a accesibilidade cognitiva dos edificios públicos, comezando pola propia casa consistorial. Ata alí se desprazaron hoxe dous membros do colectivo social, que foron recibidos pola concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, e que realizaron unha primeira avaliación sobre o Concello neste aspecto.
Tal e como explicaron desde a asociación, en decembro do ano pasado firmouse un compromiso con nove concellos, entre os que está o marinense, para levar a cabo melloras con respecto á accesibilidade cognitiva. A Fundación considera importante, ademais, comezar polos edificios consistoriais, “porque son os emblemas dun pobo e porque a eles acude moita xente á que se pode sensibilizar con estas medidas”.
Entre as cousas que comproban desde a asociación, destacan, por exemplo, que os carteis estean claros para todos, que non haxa duplicidade de informacións, que exista un directorio facilmente identificable, que exista un código de cor que axude a orientarse polas dependencias do Concello…
“Cousas que derriban esas barreiras para persoas que teñen máis dificultades e que non supoñen tanto traballo. O gran problema moitas veces é que damos cousas por feitas”, explican, de aí a importancia de que sexan eles os que avalíen as verdadeiras deficiencias.
A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, reuniuse cos membros da asociación despois de que rematasen a súa labor, aos que lles trasladou a vontade do Concello de implementar todas as medidas que sexan posible á maior brevidade