Os dous centros de compostaxe comunitaria instalados no Sequelo e na Cañota ao abeiro da adhesión do Concello de Marín ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra póñense en marcha.
Segundo avanzou esta mañá o Goberno local e o ente provincial, está prevista a realización de dúas accións, consistentes na instalación dunha carpa informativa e nunha formación dirixida á veciñanza que será usuaria destes composteiros.
O mércores da semana que ven, 29 de xullo, ás 10.30 horas instalarase a carpa informativa no Sequelo. Nela, dous técnicos do Plan Revitaliza explicarán a todos aqueles interesados en que consiste a compostaxe comunitaria e repartirán motras de compost.
Despois, pola tarde, ás 20.00 horas, ofrecerase unha charla formativa a aqueles veciños e veciñas que foron convocados, como por exemplo os usuarios e usuarias das hortas urbanas do Sequelo. Esta charla estará impartida tamén por técnicos do Plan Revitaliza e do Concello, que explicarán como funciona o centro de compostaxe.
Ademais, será o momento para que os interesados se anoten ao uso do composteiro, sendo así os pioneiros en participar do programa en Marín, ao que logo poderán seguir adheríndose novos participantes.
Estas dúas accións repetiranse ao día seguinte, xoves 30 de xullo, e ás mesmas horas no centro de compostaxe comunitaria da Cañota.
As labores de mantemento destes centros de compotaxe estarán a cargo da fundación Juan XXIII, que serán diarias, realizando esta institución as labores de control da humidade, inspección sobre posibles deficiencias, limpeza dos centros, ademais de ser os encargados de botar estruturante para evitar malos cheiros. Estas labores estarán reforzadas por técnicos da propia Deputación, que contan cunha plataforma na que se fai o seu seguemento.
A Deputación de Pontevedra formou durante unha semana a dúas persoas da fundación Juan XXIII, un asesoramento que continuará ofrecéndose no inicio da posta en marcha do programa.
É importante destacar que a función da instalación é a de compostar unicamente pequenos residuos orgánicos de orixe doméstica, animando a toda a veciñanza a colaborar no proceso de forma correcta.
Estas charlas informativas son importantes para o coñecemento destes centros de compostaxe , así como para concienciarnos da necesidade de cambiar o modelo de xestión de residuos e a importancia de crear medidas que sexan sostibles para o medio ambiente nunha época onde estas accións son tan necesarias.