A compostaxe comunitaria que está a funcionar no Sequelo e na Cañota está resultando “moi positiva”, segundo informaron hoxe fontes do Goberno local, que aseguran que este programa de xestión dos residuos orgánicos do Concello de Marín, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, está a ter moita demanda e unha boa participación por parte da veciñanza.
Froito diso, no composteiro do Sequelo xa se poderá acudir recoller compost a partir deste luns, cando se abrirá un dos caixóns para poder coller comodamente este material e dispor del.
Segundo explican desde Juan XXIII, entidade encargada da xestión da compostaxe, no caso da Cañota “aínda esperaremos un pouco máis de tempo, porque a temperatura do compost aínda é elevada, o que significa que está fermentando”.
O Goberno local mostra a súa satisfacción polo desenvolvemento deste programa na vila e vista a boa acollida prevé estudar novas localizacións para instalar composteiros comunitarios preto de novas vivendas, de tal xeito que máis veciños e veciñas doutros lugares de Marín poidan participar tamén deste servizo selectivo de xestión de residuos orgánicos.