21 setembro 2021
A Casa de Cultura de Seixo, así como a súa Alameda, é un dos centros neurálxicos da vida social da parroquia e un punto de encontro para a veciñanza, grazas ás actividades que se realizan ao longo do ano nas instalacións, tanto no interior como no exterior.
Por iso, desde o Concello procúrase mellorar esta infraestrutura cultural e social, que agora conta cunha sala moito máis grande, tras a unión de dous espazos anteriores que non eran versátiles para acoller actividades.
A alcaldesa, María Ramallo, acompañada dos concelleiros Elisa Dopazo e Pablo Novas, comprobou o resultado da intervención, que permite agora aumentar o aforo das actividades e propoñer novas disciplinas por parte das asociacións, que antes non se podían realizar porque os dous espazos anteriores eran moi pequenos.
Por outra banda, tamén se levou a cabo unha actuación de renovación de toda a madeira do graderío exterior da Alameda, que se atopaba en moi mal estado. De feito, supoñía un perigo incluso a nivel de seguridade porque é un lugar moi utilizado por nenos pequenos.
En total, entre as dúas actuacións, realizouse unha inversión cercana aos 15.000 euros. A alcaldesa quixo destacar “a importancia de poder ofrecer con calidade aos veciños e veciñas infraestruturas como as Casas de Cultura, que se converten nun revulsivo da actividade social e cultural dunha parroquia, como acontece no caso de Seixo”.
Está previsto que a Casa de Cultura retome a súa actividade a principios do mes de outubro.