Camiñar, pasear, pedalear, gozar do espazo urbano da nosa vila. Marín atópase inmersa na súa remodelación para converter o corazón da vila nun lugar no que as persoas sexan as protagonistas.
A Estratexia De Desenvolvemento Urbano Sostible Marín 2020, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, ten tres grandes proxectos en carteira: a construción do Auditorio, do que se está a redactar o proxecto definitivo por parte de Naos; a remodelación do Paseo Alcalde Blanco, para aproveitar esta directa vía de achegamento ao mar, e a humanización da Avenida de Ourense, convertendo a principal arteria de comunicación da vila nun lugar de coexistencia para os peóns, os ciclistas e o tráfico rodado.
A alcaldesa, María Ramallo, acompañada dos edís de Urbanismo e Medio Ambiente, Manuel Santos e Marián Sanmartín, visitaron esta mañá o inicio dos traballos, que están a ser executados por Oresa, nos que xa se comezou a botar o formigón no espazo que destinado ao carril bici.
O proxecto contempla diferentes distribucións do espazo urbano. Nun primeiro tramo, co inicio en Cantodarea, habilitarase unha beirarrúa de 2 metros de ancho, unha senda peonil de 3,5 metros e o carril bici, de 3 metros. Despois haberá unha vía coexistente para os peons e o carril de 3 metros de ancho en total e finalmente, entre o Concello e a Praza de España, o espazo distribuirase en 3 metros de beirarrúa e 2,5 metros destinado ao carril das bicicletas.
“Trátase dunha humanización integral”, asegurou esta mañá a alcaldesa a pé de obra, “coa que conseguiremos unha Avenida de Ourense cómoda e sostible para todos”. Tamén para o medio ambiente, xa que, tal e como recordou a rexedora, “adxudicouse un lote específico para a renovación de todo o alumeado, que pasará ter tecnoloxía LED, o que redundará nun importante aforro enerxético”.
“Marín 2020 é un proxecto global, unha intención de transformar o noso espazo urbano máis céntrico aproveitando as oportunidade de inversión que nos brindan os Fondos Europeos”, engadiu Ramallo.
En total, a inversión para esta humanización ascende a 1,5 millóns de euros.
Unha transformación por dentro e por fóra
As humanizacións urbanísticas que se levan a cabo na nosa vila teñen, na maioría dos casos, un dobre plano. Por unha banda, mellórase a estética e os materiais urbanísticos da rúa e, por outra, renóvase todo o que ten que ver cos servizos.
Neste caso, a Avenida de Ourense está a piques de rematar coa súa “transformación interior”. A obra do colector xeral, acometida por Augas de Galicia, organismo dependente da Xunta de Galicia e enmarcada no Plan de Saneamento da Ría de Pontevedra, ten previsto o seu remate a finais do mes de setembro.
De feito, ambas empresas executoras están coordinadas para que ambas actuacións avancen de xeito paralelo sen problemas até a finalización total da renovación do colector.