24 marzo 2021
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e a concelleira Marián Sanmartín, reuníronse no Concello con representantes da Asociación de Veciños de Cantodarea, para coñecer algunhas das peticións e demandas que ten a cidadanía da zona, canalizadas a través do colectivo veciñal.
Un dos temas que se tratou na reunión foi a preocupación polas vivendas e parcelas abandonadas que hai nesta área, unha problemática da que é consciente o Concello pero que ten unha solución complexa dado que se trata de espazos privados. Aínda así, a alcaldesa trasladoulle á asociación toda a súa implicación e atención a esta cuestión.
Por outra banda, asociación e Concello repasaron algunhas das actuacións que se levaron a cabo no Local Social de Cantodarea (antiga Escola de Música), onde foron reformados os servizos.
Ese é o espazo no que a asociación leva a cabo moitas das súas actividades, mais consideran que o máis oportuno, dada a situación sanitaria, é non recuperar a súa organización até despois do verán, tendo en conta sempre a evolución da pandemia.
Os asociados tamén trasladaron ao Concello que a festividade de San Xosé terá que realizarse de xeito adaptado ás circunstancias, polo que simplemente se realizará algún tipo de acto relixioso reducido.
A humanización de Concepción Arenal
Asemade, tanto a asociación como o Concello quixeron destacar o entorno rehumanizado que supuxeron as obras de Concepción Arenal, que contribuíron a crear un espazo más amable para os peóns e para a economía da zona e tamén axudaron en mellorar a súa seguridade.
Ramallo quixo destacar ao finalizar a reunión a importancia que ten o traballo das asociacións veciñais, que trasladan demandas e peticións para mellorar a calidade de vida da veciñanza.