O tenente de navío leva desde xullo ao mando deste barco, cuxa historia está íntimamente ligada a Marín e á Armada Española
Marín, 10 outubro 2024
A alcaldesa María Ramallo recibiu no seu despacho do Concello de Marín ao Comandante do Patrullero “Tabarca”, Pablo Lewicki Basanta, que leva á fronte deste barco desde o 11 de xullo de 2024.
Este buque entrou no servizo da Armada o último día do ano 1981 e leva desde entón na Escola Naval Militar, a súa base, polo que a súa historia está íntimamente ligada á vila marinense. A súa misión principal como buque integrante da Forza de Acción Marítima é efectuar labores de vixiancia co obxectivo de protexer os intereses marítimos nacionais.
Ademais, tal e como lle trasladou o tenente de navío á rexedora, o “Tabarca” participa no adestramento do alumnado da Escola Naval, efectúa colaboracións da Armada con outros exércitos e coopera con organismos civís en materia de loita contra a contaminación, o narcotráfico e a inmigración ilegal.
O seu nome procede dunha illa da provincia de Alicante e é o oitavo buque da serie “ANAGA”, composta inicialmente por dez unidades, das que quedan tres.
Lewicki é natural de Pontevedra e ingresou na Escola Naval no 2009, onde recibiu o despacho de Alférez de Navío en xullo de 2014. Parte da súa formación como gardamarina foi realizada na United States Naval Academy de Annapolis, en Maryland. No 2018, ascendeu a tenente de navío e é especialista en sistemas de combate, posuíndo aptitudes de Oficial de Acción Táctica e de Seguridade Interior.
A alcaldesa agradeceu moito a visita do tenente, que agasallou ao Concello de Marín cunha lámina ilustrada do “Tabarca”.