A rexedora representou ao Consistorio na visita organizada polo Consello Asesor da Confederación Empresarial de Pontevedra. Os números de Pérez Torres, nacida en Marín e con presenza en distintas partes do mundo, dan boa conta da fortaleza industrial da rada marinense
Marín, 21 outubro 2024
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, representou ao Concello de Marín na visita técnica realizada polo Consello Asesor da Confederación Empresarial de Pontevedra ás instalacións da empresa Pérez Torres e á súa terminal Termarín, no Porto, co obxectivo de coñecer a súa dinámica de traballo dentro das instalacións portuarias.
Ao encontro asistiron, ademais, o presidente da Autoridade Portuaria de Marín, José Benito Suárez Costa; o comandante director da Escola Naval de Marín, Pedro Cardona, así como unha representación do Consello Asesor, da xunta de vicepresidentes CEP e do equipo institucional CEP. Por parte da empresa, estiveron o presdente da mesma, Pedro Pérez Torres, así como o seu director xeral e a súa directora da oficina de Vigo, Sabela Pérez Torrez, que é á súa vez vicepresidenta da Confederación.
Pérez Torres é unha empresa familiar de ADN marinense, nacida aquí e que a día de hoxe ten presencia en distintas partes do Estado e do mundo. Divide a súa actividade en operacións portuarias e en transporte terrestre por estrada. No primeiro caso, ten presencia, ademais de en Marín, en Ferrol, Vigo, Coruña, Leixoes, Shangai… E no segundo, a súa área de influencia esténdese a Madrid, Sevilla, Barcelona, Francia, Alemania, Victoria e Ferrol.
En total, a súa actividade anual é de 10 millóns de toneladas entre ambas actividades e suma cerca de 600 persoas empregadas, das cales 100 están aquí en Marín, de onde entran e saen en torno a 150 camións cada día. A súa facturación anual ronda os 100 millóns de euros.
Durante a visita, as autoridades e representantes do mundo empresarial puideron coñecer de cerca a terminal, pasando polas distintas tipoloxías de mercadorías coas que traballa Pérez Torres desde Marín, como os contedores, os graneles sólidos, os aeroxeradores ou as bovinas de aceiro, destinadas fundamentalmente á automoción. Tamén tiveron oportunidade de ver en funcionamento as distintas grúas de carga e o Punto de Inspección Fronteiriza, cuxa axilidade e boa praxis é clave para a competitividade portuaria.
O Porto, un gran pulmón industrial no que traballan 3.000 persoas
As cifras portuarias tamén saíron a colación nunha visita que serveu para ver “que en Marín temos unha capacidade empresarial e indutrial, así como de xeración de emprego, da que moitas veces non somos conscientes, pero que todos debemos promocionar”, explicou a alcaldesa.
Na actualidade, polos tornos do Porto entran e saen todos os días 3.000 persoas traballadoras, das cales 92 están empregadas na Autoridade Portuaria. Ademais, o valor das mercancías que se move está en torno aos 4.000 millóns de euros.