A alcaldesa, María Ramallo, reúnese con representantes da Asociación Veciñal A Fonte

A alcaldesa, María Ramallo, reúnese con representantes da Asociación Veciñal A Fonte

01 xuño 2021

A alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira Marián Sanmartín mantiveron unha reunión con representantes da Asociación A Fonte para abordar as necesidades que ten o Barrio de Cantodarea e co obxectivo de recabar todas as demandas do colectivo, para procurar unha mellora da habitabilidade e a calidade de vida dun dos barrios históricos da vila.

En xeral, na reunión o Concello e a asociación acordaron que se realizarán melloras na rede de iluminación e que se reforzará a limpeza en determinadas rúas e espazos, como, por exemplo, no acceso desde a Avenida de Ourense ao Parque Azul de Cantodarea, onde o Concello lle trasladou ao colectivo que xa está en marcha un proxecto para mellorar a iluminación e a estética deste pequeno túnel.

A concelleira de Medio Ambiente informou, ademais, de que se prestará especial vixilancia aos depósitos de enseres nalgúns puntos do barrio, xusto nun momento no que Recolte e o Concello teñen activa unha campaña para concienciar da necesidade de facer bo uso do servizo de recollida destes enseres en todo o municipio.

Ademais, desde o colectivo pediron que se revisen algunhas indicacións de tráfico rodado e que se mellore a sinalización de camiños sen saída e de viais exclusivos para residentes, para evitar que se usen de xeito erróneo.

Solicitar un ARI para a zona

Outra das solicitudes que fixo o colectivo foi a de tratar de solicitar un ARI (Área de Rehabilitación Integral) para Cantodarea, de tal xeito que os inmobles poidan acceder a axudas de rehabilitación que melloren a súa estética, estrutura e habitabilidade.

O Concello, ademais, non é alleo á problemática que se dá con algunhas casas abandonadas, das que se estudarán os expedientes para coñecer a situación de cada unha. A maiores, o Concello propúxolle ao colectivo poder levar a cabo alguún tipo de acción contra o feismo, aproveitando a colocación de paneis ou vinilos nos que se aproveite para poñer en valor a vida e cultura mariñeira tradicional do barrio.

A seguridade cidadá tamén foi unha cuestión que se abordou na reunión, centrándose tamén na seguridade viaria. Valorarase a instalación dalgún novo lombo en Concepción Arenal e na Avenida de Ourense, como medida de reducción da velocidade dos coches.

Proxectos xa en marcha

O Concello repasou tamén algúns dos proxectos que xa ten en marcha para a zona de Cantodarea, como é o proxecto de mellora e humanización dun gran número de viais na zona de Pedreiras ou a demolición do antigo Mercado de Cantodarea, que permitirá gañar un novo espazo verde e de esparexemento para a cidadanía.

Anterior “II EDICIÓN STOCK MARÍN”

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados