O Salón de Plenos do Concello celebrou a primeira sesión plenaria desde o decreto do Estado de Alarma. Nela, a alcaldesa, María Ramallo expuxo aos grupos da Corporación un balance do realizado a nivel social durante estes últimos meses, no marco da crise sanitaria, económica e social derivada da pandemia do COVID19.
Segundo explicou a rexedora, en todo momento houbo un contacto directo coas empresas de Servizo de Axuda a Domicilio, que seguiron realizando con normalidade o seu labor, asistindo ás 80 persoas que están en situación de dependencia e que xa eran usuarias deste servizo. Ademais, atendeuse a 11 persoas en libre concorrencia, así como a 10 unidades familiares que se viron afectadas polo confinamento e a 40 persoas que recibiron teleasistencia domiciliaria.
Coas ONGs locais estase a traballar conxuntamente desde o minuto un desta crise, para poder así atender non só ás unidades familiares que xa eran usuarias das organizacións solidarias antes, senón tamén a aquelas que se viron obrigadas a solicitar algún tipo de axuda como consecuencia da perda de actividade laboral ou de ingresos.
De momento, o programa do Banco de Alimentos seguirá distribuíndose a domicilio a través do voluntariado de Protección Civil, que conta cos medios de protección necesarios para facelo. A alcaldesa adiantou que as asociacións solidarias sen ánimo de lucro poderán reabrir un par de días, con todas as medidas esixidas, para así poder facer entrega das remesas que teñen nos seus locais e recibir as novas que chegarán da central do Banco de Alimentos de Galicia.
Ante esta situación, o Concello tamén reforzou a axuda social coa habilitación de vales de produtos alimenticios e de hixiene, que beneficiaron a 44 familias, abarcando a 147 persoas, o que supuxo unha inversión de 6.775 euros até o momento.
No que respecta ao Programa de Educación Familiar, realizouse durante estes dous meses un seguemento telefónico de 47 unidades familiares, sobre todo orientado a tarefas de asesoramento, apoio psicolóxico…
Tamén se prestou este apoio psicolóxico (e loxístico nos casos que fixo falta) á poboación máis avellentada da vila, contactada telefónicamente polos membros do Goberno local para saber semanalmente como se atopaban, cal era a súa situación e se precisaban dalgún tipo de apoio ou axuda.
Finalmente, no informe exposto pola alcaldesa durante o Pleno, informouse tamén de que se intensificaron as solicitudes da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) en 11 casos, así como as Axudas de Inclusión Social (AIS) para pagos de débeda do aluguer, noutros 5 casos.