A alcaldesa informa aos portavoces da Corporación da situación actual nas áreas afectadas pola Covid19

A alcaldesa informa aos portavoces da Corporación da situación actual nas áreas afectadas pola Covid19

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, convocou esta mañá aos portavoces dos grupos políticos que conforman a Corporación Municipal para celebrar unha Xunta de Portavoces na que trasladarlles a situación actual do protocolo de actuación local fronte ao Covid19 nas diversas áreas. Así, participaron desta xunta o portavoz do Partido Popular, Manuel Santos; o portavoz socialista, Manuel Pazos, e a portavoz do BNG, Lucía Santos.
Como nas anteriores xuntas celebradas, a alcaldesa fixo balance das medidas tomadas até o momento polo Goberno local, como as constantes labores de limpeza e desinfección, a posta en marcha da campaña de voluntariado para a confección de mascarillas ou a coordinación cos corpos de seguridade.
Ademais, Ramallo asegurou que no que respecta á dotación de material de prevención, Marín está “cuberto”, grazas ao material propio, aos seis envíos recibidos da Xunta de Galicia e á devandita campaña de confección de mascarillas. “Temos material abondo para todo o persoal dos servizos esenciais, que se organiza entre a Policía Local, as brigadas municipais, Protección Civil, o Servizo de Axuda no Fogar e o servizo de recollida de lixo”.
A alcaldesa engadiu que, “en casos puntuais”, tamén se realizaron entregas de material ao persoal de ambulancia, da residencia da terceira idade e ao Centro de Saúde, así como aos dependentes das Prazas de Abastos, aos taxistas ou aos membros da Cofradía de pescadores de Lourizán.

Retomar as sesións dos órganos colexiados
Por outra banda, a alcaldesa informou da intención da Corporación de retomar no mes de maio, sempre coa vista posta nas recomendacións sanitarias e mantendo todas as medidas de prevención e de seguridade pertinentes, as sesións dos órganos colexiados, é dicir, das comisións informativas, da Xunta de Goberno local e dos Plenos.
No que respecta ao resto do persoal municipal, Ramallo explicou que se están a incorporar ao traballo por quendas, cun horario máis reducido e sen abrirse á atención pública. Naqueles postos onde é posible teletraballar, mantense esta modalidade laboral.

Mesa de Traballo polo comercio local
Unha das cuestións que adiantou a alcaldesa foi a convocatoria dunha Mesa de Traballo que se reunirá a próxima semana para abordar a situación do comercio local da vila ante a crise do coronavirus e deseñar o plan de recuperación e dinamización da economía de proximidade no que o Concello xa leva traballando nas últimas semanas. Á fronte da mesa estarán os concelleiros de Facenda e de Comercio e Turismo, Manuel Santos e Cristina Acuña, respectivamente.
A necesidade de dotar ao comercio local de ferramentas para afrontar a situación económica que deixará tras de si a crise sanitaria da Covid19 é unha das liñas estratéxicas nas que está a traballar o Goberno local, tratando de articular solucións que a curto, medio e longo prazo poidan resolver “aquelas necesidades que o sector nos sinale como prioritarias”, afirmou a alcaldesa.

Subvencións nominativas
Nestes días, o Concello tamén resolveu a dotación a determinadas entidades das subvencións nominativas que recibe cada ano. Así é o caso de Estrela de Marín, a asociación de comerciantes, cuxa axuda ascende a 2.000 euros.
As ONGs son as otras beneficiarias destas axudas, recibindo 5.000 euros o Comedor Social; 3.000 euros, Cáritas; 500 euros, Cáritas Santomé; 2.000 euros, SOS, e 1.500 euros, Amenac.

Anterior Colaboración entre os centros educativos e o Concello para que o alumnado dispoña do material didáctico necesario

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados