O Concello anuncia que se colocará un Punto Arco da Vella, xestionado pola Asociación Nós Mesmas, o sábado e o domingo, con motivo do Día do Orgullo, que se celebra o 28 de xuño. O obxectivo: visibilizar o número 028.
Por outra banda, o Concello informa de que, de novo, haberá Punto Violeta durante as Festas do Carme.
Marín, 26 xuño 2024
Este sábado, as rúas e prazas de todos os puntos da nosa xeografía acollerán actividades e reivindicacións para visibilizar o Día do Orgullo, unha xornada para visibilizar e defender a diversidade sexual e arroupar a todas aquelas persoas que forman parte da comunidade LGTBIQ+.
En Marín, a Alameda será o epicentro desta reivindicación, coa colocación o sábado e o domingo, de 21.00 a 23.00 horas, dun Punto Arco da Vella, xestionado a través da Asociación Nós Mesmas. Este stand, no que haberá dúas persoas profesionais con formación en igualdade, xénero e diversidade afectiva-sexual, ten varios obxectivos.
Por unha banda, visibilizar a comunidade LGTBIQ+ e defender os seus dereitos, así como implicar a toda a sociedade na loita contra a violencia LGTBIfóbica, aportando información e ferramentas sobre como actuar se se presencia algún episodio violento destas características.
Por outra, o obxectivo é visibilizar o número 028, un recurso fundamental habilitado tanto para testemuñas como para vítimas de violencia contra a diversidade sexual e que aínda ten que ser máis coñecido, para poder usalo en caso de que, desgraciadamente, ocorra un episodio desta índole, tanto durante os festexos e as verbenas do verán como en calquer momento do ano.
Durante toda a fin de semana, na que coincide a celebración da XVII Concentración Moteira Vila de Marín, repartiranse folletos e dípticos informativos para resolver dúbidas e concienciar ás persoas asistentes. Asemade, aqueles que o desexen terá un photocall no que inmortalizar o seu apoio sen fisuras á diversidade e a liberdade sexual e afectiva.
Punto Violeta para dicir NON contra a violencia machista
Ademais, o Concello, a través do CIM, informou tamén de que xa está listo o Punto Violeta tanto esta fin de semana, de 23.00 a 04.00 horas, e os días 6, 12, 13, 14, 15 e 16 de xullo durante as mesmas horas, para ofrecer este servizo nos días máis importantes das Festas do Carme. O punto estará ubicado na Caseta de Turismo da Praza de España.