Proxecto signar
Haga click para desplegar
Coñecer a lingua de signos é unha vontade individual que axuda de xeito colectivo a integrar ás persoas xordas en sociedade, permitindo unha comunicación fluída con elas en calquera momento.
O Concello de Marín quere achegar a realidade da comunidade xorda e da lingua de signos ao alumnado dos centros educativos da vila, e por iso sumouse a ELDS “En Lingua de Signos”, unha iniciativa formada por un equipo interdisciplinar de profesionais cunha longa traxectoria vencellada á lingua de signos e á comunidade xorda de Galicia (intérpretes, formadores, educadores sociais, lingüistas…), para impulsar o Proxecto Signar.
O proxecto consiste nunha proposta educativa, deseñada por este colectivo e financiada polo Concello, que procura achegar a aprendizaxe do código de comunicación de persoas xordas e da súa realidade diaria á infancia e á mocidade.
Para acadar este obxectivo, o proxecto contempla obradoiros de achegamento á lingua de signos e de sensibilización sobre a comunidade xorda e a súa cultura, adaptados ás distintas etapas educativas: Infantil, Primaria e Secundaria.
O equipo educativo que se encarga de impartir estas sesións de aprendizaxe está conformado por unha lingüista, un educador social e unha formadora e intérprete de lingua de signos.