25 de novembro
Haga click para desplegar
A concelleira Mónica Viqueira e a directora do CIM de Marín, Marián Sánchez, presentaron a imaxe e a programación coa que se conmemorará este ano o Día Internacional Contra a Violencia Machista. “Non te esquezas de ti” é o lema escollido para a ilustración feita pola artista marinense Belén Diz, co que se buscou “transmitir unha mensaxe de autoempatía e reforzo da autoestima” para as mulleres vítimas desta lacra social.
Outra das cuestións que se quixo recoller na imaxe, e que tamén é posto en valor na declaración institucional aprobada no pasado Pleno, é o importante traballo que realizan os servizos de asistencia cando se dá un caso de violencia de xénero: os CIM, os departamentos de Servizos Sociais, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, os servizos médicos, os xulgados… “Todos eles están representados nas mans que sosteñen o niño”, explicou Sánchez, que á súa vez indicou que as bolboretas son “símbolo de transformación”.
Esta ilustración, ademais de servir como imaxe dos actos deste ano, imprimirase en bolsas de tea que serán repartidas o 23 de novembro a partir das 11.00 horas no entorno da Praza de Abastos.
Acto institucional e Premio Lazo Violeta
No que respecta ao 25 de novembro, o acto institucional será ás 12.00 horas no Salón de Plenos do Concello e nel lerase a declaración institucional, para despois entregar de maneira póstuma o Premio Lazo Violeta a Lourdes Broullón, activista social, presidenta da Asociación Santa María do Campo que formou parte do Consello Municipal da Muller ata o ano 2022.
Ademais, proxectarase o documental “As mulleres como motor de cambio”, no que se amosarán exemplos de mulleres marinenses como referentes da súa comunidade, baseada na labor realizada por elas que melloran a calidade de vida do seu municipio.
Actividades nos centros educativos
Ademais, o 25N chegará ao alumnado de Secundaria da vila, cos Puntos de Igualdade (PUI), que terán carácter permanente. O obxectivo é establecer dinámicas de apoio dende o Concello e a través do CIM, que favorezan o compromiso coa igualdade entre mulleres e homes e contra a violencia de xénero e a participación activa da comunidade educativa. Serán dous bancos de
interior serigrafiados, con capacidade para conter material de lectura en igualdade e unha pancarta con información sobre recursos de utilidade na prevención e intervención en violencia de xénero.
Para os nenos e nenas de Infantil e Primaria teremos Contos vellos, novos finais. A actividade consiste na creación dun espectáculo temático en igualdade de 60 minutos, que recrea escenas cotiás e historias a través de experiencias de narración oral compartida e participativa.
Finalmente, impulsarase a campaña “Ler para compartir”, unha iniciativa de lectura compartida (bookcrossing) na Finca de Briz a disposición da cidadanía, cun elemento urbano de madeira (a modo de casiña de páxaros), con libros de lectura en valores de igualdade para todas as idades.
Mulleres invisibles, realidades visibles
Haga click para desplegar
Cada 25 de Novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, entre actividades escolares e concentracións, atópase un dos actos máis sinalados que se celebran no Concello de Marín: os Premios Lazo Violeta.
Estes galardóns poñen en valor o labor e o esforzo dalgúns marinenses en relación á protección e á visibilización e loita contra a violencia machista.
Ademais, cada 25N organízase unha programación especial nos centros
educativos e coa colaboración do profesorado desenvólvense actividades didácticas dirixidas ao alumnado de todas as idades, co fin de sensibilizar en materia de igualdade e contra a violencia de xénero.