Marín, moito máis que mar.
“Nostra in mare fortuna”, así reza na divisa do escudo heráldico do noso concello, en clara alusión á vinculación que dende antigo Marín tivo co mar.
Cunha franxa costeira de algo máis de oito Km., bañada por augas da Ría de Marín, e que se estende dende Cantodarea ata Lapamán, dando acubillo a fermosos areais ou praias (Portocelo, Mogor, Aguete, Loira, O Santo, A Coviña e parte de Lapamán), e cun só territorio insular, a illa do Santo.
Importante porto pesqueiro e de mercadorías, conta ademais con peiraos militar e deportivo, a súa situación fai do noso concello o lugar idóneo para a práctica dos deportes náuticos: vela (Club de Mar de Aguete), remo (Club Ría de Marín) e piragüismo (Club Tambo).
Pero Marín é moito máis que mar:
O lago de Castiñeiras, compartido co veciño concello de Vilaboa, paraxe dunha riqueza botánica e faunística sen igual.
Os montes Pituco-Pornedo, Pastoriza e Castelo que nos darán diferentes vistas sobre a nosa ría .
A diversión estará asegurada no Ecoparque multiaventura de Cadro e no parque da Finca de Briz, ou facendo rutas de sendeirismo como a das praias ou a dos muíños.
Alternativas máis culturais, visitar os numerosos monumentos do concello: pazos, igrexas, capelas… ou da súa arte popular: cruceiros, muíños,hórreos… ou darse unha volta polos xacementos arqueolóxicos que tamén son moitos: mámoas, petróglifos, castros… ou pasarse polo Museo Torres, para contemplar in situ a obra deste xenial pintor, ou algunha das exposicións temporais.. ou acercarse ata o cine de Seixo, o derradeiro cine rural aínda en activo..
E que dicir das súas festas: a do Carme , a Virxe do Porto, o San Miguel coa súa tradicional Danza das Espadas, a festa dos Maios, o entroido co “luctuoso” Enterro da Sardiña, a festa da sidra e da mazá de Santomé de Piñeiro, a feira do Campo…
E non esquezamos a súa elaborada gastronomía: as súas caldeiradas (pixota, cazapa, rabada..), as afamadas cigalas, o polbo que xa dende antigo se mandaba o Mosteiro de Oseira, as sardiñas do xeito, ou as cabalas asadas de Aguete…
En definitiva, un Concello que vale a pena visitar. Ven a Marín, ¡Non che hai terra coma ela!