Trátase, xunto co do Servizo de Axuda no Fogar, do contrato máis elevado da administración local. Despois dunha comisión informativa e outra extraordinaria na que se presentou ao resto de grupos da Corporación a tramitación desta estrutura de costes, agora será o Pleno quen a dictamine.
Marín, 07 outubro 2024
O Concello de Marín leva todo este ano traballando intensamente para sacar adiante o novo contrato de recollida de basuras, xa que o 31 de xullo de 2025 finalizará a actual xestión do servizo a cargo de Recolte, ao que se lle adxudicou o contrato hai 8 anos, concretamente o 1 de agosto de 2017.
Para confeccionar esta proposta de estrutura de costes, o Concello cumpriu coas esixencias da normativa e solicitou ás 6 empresas máis representantes do sector a nivel nacional e que teñen implantación en Galicia un desglose dos costes do servizo. Nesa petición, que foi respondida por 3 desas 6 empresas, recóllense gastos de persoal, de explotación, de conservación e mantemento de maquinaria, seguros e impostos… entre outros moitos.
Pero a maiores, o Goberno local quixo dar un paso máis e contratou á empresa Into Consulting para facer un estudo técnico-económico adaptado á realidade propia da nosa localidade e así poder determinar de xeito máis exacto o orzamento de licitación do servizo, recollendo as necesidades propias da vila de Marín.
Realizados ambos trámites, a contía que sae para o contrato é de 1,7 millóns de euros ao ano pola xestión da recollida de lixo. É dicir, un total de 17 millóns de euros para os 10 anos que durará o contrato, financiados ao 100% con fondos municipais.
A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, explica que “con estas cifras, podemos afirmar que estamos, xunto co do Servizo de Axuda no Fogar, ante o contrato de máis envergadura que temos no Concello. O servizo da recollida de lixo é básico e debe prestarse coas maiores condicións e por iso estamos traballando intensamente nesta nova licitación”.
Sanmartín compartiu co resto de grupos da Corporación este estudo de costes na Comisión Informativa da semana pasada e esta mañá convocou de novo aos representantes dos grupos a unha Comisión Extraordinaria, para tratar de xeito específico este tema e poder deixar a estrutura de costes dictaminada para a súa aprobación no Pleno deste xoves.
Unha vez saia aprobado na sesión plenaria, o documento terá que expoñerse a información pública durante 20 días hábiles, nos que se poderán presentar alegacións, que serán estimadas ou desestimadas tamén polo Pleno en caso de que exista algunha. No caso de que non se presente ningunha, o documento quedará automáticamente aprobado e será remitido á Xunta Consultiva de Contratación da Xunta de Galicia.
“Polo tanto, estamos satisfeitos co traballo realizado ata o momento para sacar adiante este contrato tan importante”, explicou Sanmartín. “Unha vez teñamos o trámite da estrutura de costes rematado, os servizos técnicos do Concello seguirán coa configuración final dos pregos técnicos e administrativos para logo poder licitar”, engade.
O obxectivo marcado polo Goberno local é poder adxudicar ao longo do primeiro semestre de 2025, para que nova empresa adxudicataria do servizo empece a súa actividade a partir do 1 de agosto do próximo ano.