O Concello investirá máis de 100.000 euros no alumeado de Nadal
O Concello investirá máis de 100.000 euros no alumeado de Nadal

O Concello investirá máis de 100.000 euros no alumeado de Nadal

Xa está aberta a licitación para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas ata o 23 de setembro.

Marín, 13 setembro 2024

Aínda que o verán está a dar os seus últimos coletazos, o Concello xa coordina e traballa para os seguintes grandes eventos do que resta de ano, como son as festas do Nadal. Así, o Perfil do Contratante xa ten colgada a licitación para contratar as luces que engalanarán as rúas e prazas da vila durante esa época tan especial do ano. Un contrato ao que o Concello destinará máis de 100.000 euros de inversión.

Desde a Concellaría de Festas, explican que a licitación baseouse en “criterios de sostibilidade, apostando pola implantación de novas tecnoloxías de menor consumo enerxético e alto valor estético”, tal e como se pode ler no prego de condicións técnicas.

Concretamente, esíxese que o alumeado proposto estea, cando menos, composto nun 80% de tecnoloxía LED. No que respecta á estética, os elementos deberán ser modernos e harmónicos entre sí, tanto no seu despregue nas rúas e prazas como no ámbito cromático.

Ademais destas características técnicas e estéticas, tamén se regula todo o que ten que ver coa montaxe e desmontaxe das instalacións e o mantemento de todos os elementos durante a tempada de Nadal.

Nas súas propostas, as empresas deberán presentar detalladamente o alumeado a implantar, especificando para cada rúa o número de elementos, a tipoloxía dos mesmos e o seu consumo enerxético, incluindo ademais fotomontaxes de todos os elementos a instalar.

Entre outras cousas que se lles esixen ás empresas interesadas, destaca contar cun servizo de garda durante a duración da instalación para poder actuar ante un eventual fallo da montaxe ou da electricidade, así como contar con stock abondo para unha posible substitución de equipos, lámpadas, leds…

As empresas poderán presentar ofertas ata o 23 de setembro, para que despois sexan avaliadas pola Mesa de Contratación.

Anterior As obras no río Lameira obrigan a pechar temporalmente o tránsito peonil pola pasarela de madeira

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados