Soom Management, proposta como nova adxudicataria da xestión da piscina municipal

Soom Management, proposta como nova adxudicataria da xestión da piscina municipal

A mesa de contratación que estudou as ofertas presentadas para a xestión da piscina municipal propón como adxudicataria á empresa Soom Management SL, por resultar a que máis puntos ten con respecto á segunda concorrente e que xa é a empresa que actualmente xestiona esta instalación deportiva.

Pola elevada contía da contratación, de case 2 millóns de euros para cubrir a prestación do servizo durante os próximos cinco anos, esta proposta irá ao Pleno da Corporación que se celebrará a próxima semana, para poder requerirlle á empresa que presente a documentación necesaria para facela definitiva.

O contrato cobre a xestión integral do centro deportivo, incluíndo labores de limpeza, conservación, mantemento, atención e información ao público, control de acceso das persoas usuarias, salvamento acuático e socorrismo, cursos e programas deportivos, vixilancia e control e promoción do servizo para captar novos usuarios.

En canto ás actividades ofertadas, será obrigatorio impartir cursos de natación e outras disciplinas deportivas e de ocio. De forma mínima, obrigarase á futura concesionaria  a  ofrecer  ás  persoas  usuarias:  GAP,  ximnasia  de  mantemento, pilates, full body, abdominais, step, ciclo, HIT, circuíto, tonificación, funcional KIDS, zumba, zumba kids, hipopresivos, ioga, ioga infantil, streching, aquagym e aquatonic. Todas con frecuencias semanais, máis ou menos elevadas.

O horario de apertura da instalación será de luns a venres, de 07.00 a 13.30 e de 16.15  a  23.00  horas;  os  sábados  de  09.30 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas e os domingos de 10.00 a 13.00 horas.

Anterior Avanzan a bo ritmo as obras de mellora da mobilidade na Rúa Concepción Arenal

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados