A mobilidade urbana pódese medir. De feito, é esencial poder facelo para tomar decisións de ordenación do espazo urbano con criterios obxectivos. Esa é a razón de ser do proxecto Marín Territorio Smart, que se desenvolveu no último ano para poder converter á nosa vila nun espazo no que as novas tecnoloxías asociadas ao Big Data (a recopilación dun gran volume de datos e o seu procesamento para que poidan ser analizados, estudados e aplicados).
E, onde se aplicará esta recopilación de datos? Fundamentalmente nos fluxos de mobilidade urbana, centrándose especialmente no tráfico rodado e no estacionamento, para medir a ocupación dos aparcadoiros públicos gratuitos que hai por todo o casco urbano.
Tamén será posible medir os fluxos peonís, así como outros aspectos de elevado interese público como o consumo eléctrico, as condicións climatolóxicas…
O resultado, ademais de poder verse na pantalla que leva colocada varios meses na Avenida de Ourense, é o dunha aplicación accesible para móbiles, para que todo marinense poida ter no seu peto información en tempo real da ocupación dos aparcadoiros, para que poidan decidir en cal deixar o seu coche e reducir o tráfico circulante.
Para poder descargala, é abondo con entrar na tenda de aplicacións correspondente, tanto en Android como en Iphone, e buscar “Smart Mobility Marín” , descargando a app que ten o logo do Concello.
Vídeos desde Pontevedra, Bueu e Moaña/Vigo
Por outro lado, estanse preparando unha serie de vídeos explicativos de como chegar aos distintos aparcadoiros desde as entradas doutros concellos máis limítrofes coa nosa vila: desde Pontevedra, arrancando na Avenida de Ourense; desde Bueu, co punto de partida á altura de Tiro Naval Janer, e desde Vigo/Moaña, partindo de Jaime Janer.
O obxectivo destes vídeos é poder axudar a aquelas persoas que veñen de fóra de Marín a atopar estas bolsas de estacionamento, que moitas veces son descoñecidas para os visitantes de fóra, que veñen pasar o día á vila ou a traballar.