O Pleno da Corporación celebrado hoxe deu luz verde á aprobación dos pregos e, polo tanto, ao inicio do expediente de contratación para a xestión da piscina municipal de Marín, na que se acaban de investir máis de 600.000 euros para renovar aquelas partes da instalación que máis o precisaban.
Tal e como explicou o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, durante a súa intervención na sesión plenaria, esta licitación impúlsase agora, unha vez rematou o contrato coa actual concesionaria, Soom Management, á que se lle prorrogará forzosamente a xestión do servizo mentres dura o camiño burocrático que precede á chegada da nova empresa.
O novo contrato será para explotar a infraestrutura deportiva durante 5 anos, sen prórroga posible e por un custo total de 2.060.521,10 euros, correspondéndose máis do 85% da contía co gasto de persoal, ao que se subrogara.
O obxecto do contrato é claro: a xestión integral do centro deportivo, incluíndo labores de limpeza, conservación, mantemento, atención e información ao público, control de acceso das persoas usuarias, salvamento acuático e socorrismo, cursos e programas deportivos, vixilancia e control e promoción do servizo para captar novos usuarios.
Entre algunhas das obrigas específicas que se recollen no prego de prescricións técnicas aprobado hoxe, destacan a de limpar e desinfectar diariamente a instalación, realizar o control hixiénico sanitario da auga do vaso da piscina dúas veces ao día, o mantemento xeral da electricidade, pintura, albanelería, fontanería e carpintaría…
En canto ás actividades ofertadas, será obrigatorio impartir cursos de natación e outras disciplinas deportivas e de ocio. De forma mínima, obrigarase á futura concesionaria a ofrecer ás persoas usuarias: GAP, ximnasia de mantemento, pilates, full body, abdominais, step, ciclo, HIT, circuíto, tonificación, funcional KIDS, zumba, zumba kids, hipopresivos, ioga, ioga infantil, streching, aquagym e aquatonic. Todas con frecuencias semanais, máis ou menos elevadas.
O horario de apertura da instalación será de luns a venres, de 07.00 a 13.30 e de 16.15 a 23.00 horas; os sábados de 09.30 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas e os domingos de 10.00 a 13.00 horas.
Tal e como expuxo o edil de Deportes no Pleno, “trátase dunha inversión moi elevada, que supón un importante esforzo para as arcas municipais, xa que asumimos integramente o custo, pero consideramos que é un servizo deportivo e de saúde esencial para a nosa veciñanza e por iso seguiremos apostando polo seu mellor funcionamento posible”.