Marín prepárase para o 8 de Marzo

Marín prepárase para o 8 de Marzo

O Día da Muller comezará visibilizarse en Marín a partir do 1 de marzo, cando arrancará a programación que se vén preparando desde o Concello, que quere visibilizar este mes como o referente para a loita da igualdade da muller e o seu recoñecemento equitativo na sociedade.

As concelleiras Marián Sanmartín e Mónica Viqueira, xunto con parte das responsables do CIM, presentaron esta mañá a viñeta conmemorativa de cada ano,  que  se  lle  adica  ao  colectivo  homenaxeado  desta  vez:  as  mulleres farmacéuticas. O deseño, que vén da man da ilustradora galega Xulia Pisón, é unha reivindicación do papel punteiro da muller en todo o que ten que ver coa industria e a innovación farmacéutica, desde a súa labor como boticarias ata o rol de investigadoras, pasando polo de formuladoras, estudantes, empresarias…

As mulleres marinenses que a día de hoxe rexentan algunha farmacia na vila participarán no acto institucional que todos os anos se fai por este día, pero a programación comezará xa a partir do día 1 de marzo, da man de Opromar, que organiza ás 10.00 horas na Alameda a xornada de pintura “Mulleres do mar, inspiradoras de arte”, na que as persoas participantes pintarán cadros coa súa visión persoal da muller na pesca. Contará coa participación da ilustradora viguesa Abi Castillo.

O luns 4 de marzo, ás 19.30 horas, no vestíbulo do Concello de Marín, inaugurarase a exposición “As mulleres na profesión farmacéutica. Pasado, presente e futuro”, con material tradicional e fotos antigas, cedidas polas oficinas de farmacia de Marín, destacando o papel da muller nestes establecementos. Contará coa actuación da Escola Municipal de Música e estará exposta ata o 15 de marzo.

O xoves 7 de marzo, ás 11.00 horas realizarase un reparto das tradicionais tazas coa impresión da viñeta na Praza de Abastos e ás 12.00 horas, o Museo Municipal Manuel Torres exporá os traballos da xornada do luns e entregará os premios aos mellores.

Acto institucional, scape room pola igualdade e un premio de emprendemento en feminino

O 8 de marzo, venres, celebrarase ás 12.00 horas o acto institucional, no que participarán mulleres farmacéuticas de Marín. E, pola tarde, ás 19.00 horas, a Finca de Briz acollerá unha actividade lúdica pero chea de compromiso: un scape room pola igualdade denominado “Estrelas. Unha experiencia de escapismo onde as mulleres máis apaixonantes da historia son as protagonistas”.

Está dirixido a toda a cidadanía, especialmente familias e mocidade, que poderá participar en equipos de entre 4 e 6 persoas. É obligatorio inscribirse desde o 26/02 ao 07/03 en info@territorio-comanche.com, indicando nome de equipo e nome, apelidos e idade dos seus integrantes.

Por outra banda, o colectivo de Céltica Marín Arte e Cultura, fará unha exposición de obras de mulleres retratadas en distintos ámbitos polos bares de Marín. Ademais, a Praza 8 de Marzo acollerá outra xornada de pintura en vivo coa profesora Patricia Otero.

Ademais, o Diario de Pontevedra, coa colaboración do Concello e do Plan Social de Ence, organizará en Marín a gala do Premio Emprender en Feminino, unha iniciativa que busca visibilizar o talento e o éxito empresarial de mulleres de Marín,    Poio    e    Pontevedra    en    tres   categorías   diferentes:   innovación, emprendemento e sostibilidade. As gañadoras daranse a coñecer nas próximas semanas.

Actividades nos centros educativos

A maiores, ao longo deste mes se realizarán diversas actividades de concienciación, visibilización e promoción da igualdade nos centros educativos da vila.

En Infantil e Primaria, haberá unha actividade de difusión da historia e legado de Manuela Barreiro, primeira muller matriculada na USC (1896) e primeira licenciada en Farmacia (1900)

En Secundaria, realizarase entrega de material de sensibilización, consistente en calendarios escolares con mulleres referentes na ciencia e un xogo da Oca con esta temática

E para 4º ESO e Bacharelato, daranse charlas impartidas polo vogal de docencia do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Pepe Fornos.

Anterior Marín e Murcia estreitan lazos para avanzar no modelo educativo do futuro

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados