Marín presenta os actos do 25N e á muller á que se homenaxeará no Premio Lazo Violeta, Lourdes Broullón
25N 2023 - Concello de Marín

Marín presenta os actos do 25N e á muller á que se homenaxeará no Premio Lazo Violeta, Lourdes Broullón

A concelleira Mónica Viqueira e a directora do CIM, Marián Sánchez, presentaron esta mañá a imaxe da campaña para o Día Internacional Contra a Violencia Machista, da ilustradora Belén Diz, co lema “Non te esquezas de ti”.

Marín, 15 novembro 2023

A concelleira Mónica Viqueira e a directora do CIM de Marín, Marián Sánchez, presentaron esta mañá a imaxe e a programación coa que se conmemorará este ano o Día Internacional Contra a Violencia Machista. “Non te esquezas de ti” é o lema escollido para a ilustración feita pola artista marinense Belén Diz, co que se buscou “transmitir unha mensaxe de autoempatía e reforzo da autoestima” para as mulleres vítimas desta lacra social.

Outra das cuestións que se quixo recoller na imaxe, e que tamén é posto en valor na declaración institucional aprobada no pasado Pleno, é o importante traballo que realizan os servizos de asistencia cando se dá un caso de violencia de xénero: os CIM, os departamentos de Servizos Sociais, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, os servizos médicos, os xulgados… “Todos eles están representados nas mans que sosteñen o niño”, explicou Sánchez, que á súa vez indicou que as bolboretas son “símbolo de transformación”.

Esta ilustración, ademais de servir como imaxe dos actos deste ano, imprimirase en bolsas de tea que serán repartidas o 23 de novembro a partir das 11.00 horas no entorno da Praza de Abastos.

Acto institucional e Premio Lazo Violeta

No que respecta ao 25 de novembro, o acto institucional será ás 12.00 horas no Salón de Plenos do Concello e nel lerase a declaración institucional, para despois entregar de maneira póstuma o Premio Lazo Violeta a Lourdes Broullón, activista social, presidenta da Asociación Santa María do Campo que formou parte do Consello Municipal da Muller ata o ano 2022.

Ademais, proxectarase o documental “As mulleres como motor de cambio”, no que se amosarán exemplos de mulleres marinenses como referentes da súa comunidade, baseada na labor realizada por elas que melloran a calidade de vida do seu municipio.

Actividades nos centros educativos

Ademais, o 25N chegará ao alumnado de Secundaria da vila, cos Puntos de Igualdade (PUI), que terán carácter permanente. O obxectivo é establecer dinámicas de apoio dende o Concello e a través do CIM, que favorezan o compromiso coa igualdade entre mulleres e homes e contra a violencia de xénero e a participación activa da comunidade educativa. Serán dous bancos de
interior serigrafiados, con capacidade para conter material de lectura en igualdade e unha pancarta con información sobre recursos de utilidade na prevención e intervención en violencia de xénero.

Para os nenos e nenas de Infantil e Primaria teremos Contos vellos, novos finais. A actividade consiste na creación dun espectáculo temático en igualdade de 60 minutos, que recrea escenas cotiás e historias a través de experiencias de narración oral compartida e participativa.

Finalmente, impulsarase a campaña “Ler para compartir”, unha iniciativa de lectura compartida (bookcrossing) na Finca de Briz a disposición da cidadanía, cun elemento urbano de madeira (a modo de casiña de páxaros), con libros de lectura en valores de igualdade para todas as idades.

Anterior O Concello actúa no firme e sostemento da estrada entre Casás e a praia da Coviña

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados