O Concello consegue achegar posturas entre a hostalaría e o Ateneo Santa Cecilia para a celebración do San Migheleiro

O Concello consegue achegar posturas entre a hostalaría e o Ateneo Santa Cecilia para a celebración do San Migheleiro

Desde o Goberno local impulsouse unha nova reunión esta mañá para sentar ás partes implicadas neste tema: a hostalaría e o Ateneo Santa Cecilia. Despois de que cada un expresase a súa vontade, chegouse a un acordo para a celebración do San Migheleiro o 30 de setembro.

Para iso e co obxectivo de que ambas festas teñan unha boa convivencia, a hostalaría comprometeuse a respectar a danza branca invitada que fará unha demostración da súa danza ese día na Alameda entre as 19.00 e as 20.30 horas.

Marín, 28 agosto 2023

O Salón de Plenos do Concello acolleu esta mañá ás 11.00 horas unha reunión entre a hostalaría da vila e o Ateneo Santa Cecilia, que foi convocada polo Goberno local, tanto a través dos medios de comunicación como de xeito individual, para achegar posturas e mediar de cara á celebración do San Migheleiro. Dos 45 representantes da hostalaría que participan na ruta do San Migheleiro, asistiron 20.

Despois de que cada unha das partes expuxese as súa postura, decidiuse que o San Migheleiro se celebrará o 30 de setembro, sábado previo ao acto institucional e ao baile da Danza de Espadas de San Miguel que se celebrará o domingo 1 de outubro.

O obxectivo desta mediación é que ambas festas poidan convivir, entendendo que o San Migheleiro é unha festa popular que sempre gozou de moito seguemento e que tradicionalmente se celebra o último sábado de setembro, e que se respecte á celebración da Danza de Espadas de San Miguel, Festa de Interese Turístico de Galicia, que é patrimonio inmaterial da nosa tradición cultural.

O Ateneo Santa Cecilia abogaba pola separación das festividades en dous fins de semana diferentes, para así facilitar a apertura da hostalaría o domingo pola mañá, para que os danzantes puideran desfrutar de ambas datas sen problema e para que o propio sábado previo ao acto se programase unha danza branca convidada doutro lugar.

Así a todo, finalmente se celebrará a mesma fin de semana pero co compromiso da hostalaría de respectar a danza que se bailará o sábado na Alameda, entre as 19.00 e as 20.30 horas, parando a música durante ese tempo.

Unha vez decidida a data, o Concello pode xa proceder coa parte que lle corresponde de tramitación de autorizacións pertinentes e de contratación daqueles servizos esenciais para o bo desenvolvemento da festa e que son aportados pola administración municipal, polo que lle recordou á hostalaría que deben cursar as súas solicitudes por rexistro canto antes.

Desde o Concello, celebran que “se chegara a un acordo para que San Miguel e San Migheleiro poidan coexistir” e reitera o seu apoio a todas as persoas que se implican en ambas datas, ás que se lles presta toda a colaboración que se demanda.

Anterior A Policía Local conta cun novo coche eléctrico e o punto de carga correspondente

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados