Pasada a noite de San Xoán, Marín comeza a conta atrás para unha das súas datas máis importantes ao longo do ano: as Festas do Carme. A alcaldesa María Ramallo e as concelleiras Marián Sanmartín e Itziar Álvarez presentaron esta mañá o que será o espectacular cartel desta nova edición das festas, realizado pola artista marinense Belén Diz, que tamén acudiu á presentación.
As festas será do 7 ao 16 de xullo e terán grandes actuacións musicais como as de Abraham Mateo e as orquestras París de Noia ou Combo Dominicano, entre outras, ademais dunha intensa programación de dinamización para todas as idades, que incluirá moitas citas ineludibles para todos.
Unha delas, coma non, será o pregón que abra as Festas do Carme. A alcaldesa adiantou que o pregoeiro escollido para este ano será Javier Casal, xornalista nado en Marín en 1973 escoitado por milleiros de persoas a día de hoxe a través da radio, como locutor que dirixe o informativo Hora 14, que se emite de luns a venres na Cadena Ser.
O pregón será o sábado 8 de xullo e servirá de pistoletazo de saída ás festas, despois da véspera na que actuará Abraham Mateo. A partir da próxima semana, poderase consultar a programación completa por días das festas na web municipal.
Un xornalista referente no noso país
“Javier Casal é un xornalista referente no noso panorama nacional, unha voz autorizada que nos informa día a día a través das ondas da actualidade pero que, a pesar de todo ese esforzo, sempre ten momentos para acordarse do seu Marín, onde nos sentimos orgullosos de telo como veciño”, asegurou Ramallo.
Licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, a súa vida profesional sempre estivo ligada á radio. En 1991, comezou a súa carreira en Radio Pontevedra e no Diario de Pontevedra (1993), onde firmou as súas primeiras crónicas desde a corresponsalía de Marín.
En 1997 incorpórase á redacción central dos Servizos Informativos da SER. Presentou Matinal SER, Hora 14 e Hora 25 nas súas edicións de Fin de Semana. Desde decembro de 2005 a abril de 2010 foi subdirector do informativo Hora 25, baixo a dirección de Carlos Llamas primeiro e despois xunto a Ángels Barceló.
Durante a súa carreira profesional, cubriu diversos acontecementos nacionais e internacionais: o naufraxio do Prestige en Galicia, as eleccións de EEUU de 2004 desde Los Ángeles, a morte de Juan Pablo II no Vaticano como enviado especial ou a fase final da elección dos Xogos Olímpicos de 2021 en Bos AIRES.
Ocupou o posto de editor xefe de cadenaser.com, onde inicio o desenvolvemento das webs locais e ata xuño de 2022 ocupou a xefatura de contidos rexionais da Cadena SER en Madrid, traballo polo que foi galardoado coa Antena de Plata en 2014.
Foi mestre de Xornalismo Radiofónico e Tratamento da Información en Radio na Facultade de Xornalismo da Universidade Carlos III de Madrid e impartiu clases de radio na Escola de Xornalismo de El País. Na actualidade, tamén o fai na Universidade de Nebrija.
Unha creadora de mundos espectaculares en bolígrafo Bic
Belén Diz Juncal é unha ilustradora galega adicta a raiar o papel e consumir bolígrafos Bic para crear novas realidades e imaxinarios construidos a partires de recordos, sensacións e sentimentos.
A súas ilustracións falan da infancia, o corpo e o fogar como refuxio, das miradas, a intimidade e a importancia do instante, do xogo que existe entre o público e o privado e a capacidade de volver tanxible a memoria. Todo isto a través de debuxos realistas que invitan a reflexionar sobre o contexto, a imaxinar que é o que ocorre antes e despois.
Con respecto ao cartel, Diz explica que buscaba principalmente “rescatar a idea de Marín como pobo mariñeiro, ilustrando elementos representativos da festividade, como a embarcación e as flores, e do mar para darlle un toque máis fresco, algo que se potencia coa técnica empregada, bolígrafo de cor azul”.
Todos estes elementos arroupados por unha representación da Virxe do Carme un pouco menos convencional, sen atavíos, só como unha figura que funciona como elemento protector, acollendo as embarcacións entre as súas mans. Neste punto, a ilustradora quixo facer “unha pequena homenaxe as víctimas do Pitanxo, que tiven moi presente durante o proceso”.