A memoria familiar forma parte do noso imaxinario persoal e é un excelente lugar ao que volver para inspirarnos, repensar cal é a nosa historia e estimular a creatividade, imaxinando como foron as vidas daqueles que nos precederon.
Ese patrimonio inmaterial de cada un é o que a escritora e xornalista Elena Gallego Abad utilizará como recurso creativo para desenvolver o Proxecto Legado, un obradoiro de creación literaria que se desenvolverá ao longo de 9 sesións na Biblioteca Pública Vidal Pazos do Concello de Marín.
A concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, e a escritora presentaron a actividade esta mañá no Concello, despois do éxito colleitado polo primer obradoiro que se levou a cabo a pasada fin de semana co gaio da celebración do Día do Libro.
Desta vez, o Proxecto Legado ten unha programación formativa máis intensa, con nove clases que se desenvolverán os días 6, 13, 20 e 24 de maio e os 3, 10, 17, 24, e 28 de xuño. As sesións que coinciden en sábado serán de 11.00 a 13.00 horas, namentres que as dos mércores realizaranse de tarde, de 19.00 a 21.00 horas.
O proxecto está incluído no catálogo Ler Conta Moito, da Rede de Bibliotecas de Galicia e promovido pola Xunta, e está dirixido a persoas interesadas en descubrir, preservar e divulgar a historia da súa familia, utilizando como ferramenta a escritura e a pulsión literaria. Haberá 15 prazas dispoñibles. Para inscribirse, será abondo con mandar un correo ao enderezo biblioteca@concellodemarin.es.
“Este proxecto xurde nun momento no que a transmisión de pais a fillos está a perderse”, explica a súa promotora. “A aparición de novas tecnoloxías, das redes sociais e dun extenso universo audiovisual que substituíron ás canles tradicionais non propician a comunicación entre xeracións”.
Precisamente, co obxectivo de evitalo, nas nove sesións do obradoiro, os e as participantes “descubrirán as chaves básicas da creación narrativa, de xeito que cada quen desenvolva as súas potencialidades e poida materializar un proxecto propio ao remate do obradoiro”.
A idea de sacar adiante este proxecto ten como inspiración a nova novela da escritora marinense, que sairá ao público moi pronto.