O deporte base en Marín é un motor social, cultural e de lecer imprescindible para a nosa vila, na que os clubs e o propio Concello programan importantes eventos e colaboran na organización doutros máis alá do ámbito municipal que fan vibrar os noso pavillóns cada fin de semana.
Por iso, o Goberno local, consciente da importancia que ten a práctica deportiva, ten no seu eixo de traballo unha liña para renovar e mellorar as instalacións deportivas municipais, como é o Pavillón da Cañota.
Neste caso, tal e como explicaron fontes do Goberno local, falamos dunha instalación que data de 1987. Neste caso, proponse unha intervención que consiga uns acabados sinxelos, limpos, duradeiros, de fácil mantemento e que doten tanto á cuberta como á fachada e a todos os elementos visibles dunha harmonía visual, integrada na contorna.
Para iso, plantéxase a renovación da instalación de ACS, acadando un aforro enerxético do 70%, sobrepasando o 30% actual. Ademais, ao igual ca no Sequelo funcionará con tecnoloxía fotovoltaica, grazas a 16 paneis conectados ao cadro xeral.
Tamén se renovará a cuberta, cun novedoso sistema de suxección de paneis que eviten problemas de filtracións e impermeabilicen ao 100% a instalación e englóbanse melloras en pavimentos, rampas interiores, exteriores e portas.
Para iso, o Concello vén de solicitar unha subvención á Deputación de Pontevedra, coa finalidade de acadar a financiación precisa para levar adiante a licitación e a execución do proxecto.