O Día da Muller en Marín leva servindo nos últimos anos como unha palestra na que homenaxear a distintos colectivos de mulleres que supoñen un exemplo e unha inspiración para unha sociedade na que aínda queda moito camiño por percorrer para acadar a igualdade real e efectiva.
Este ano, ese colectivo é o que conforman as mulleres autónomas que están ao frente de negocios propios do pequeno comercio de Marín, xa que son un exemplo de emprendemento, de traballo e de xeración de economía local, imprescindible para o progreso e a riqueza de Marín.
Desde o CIM de Marín, queren animar a todas esas mulleres autónomas de Marín que queiran e podan a que participen no acto institucional do 8M que se celebra sempre ese mesmo día pola mañá no Salón de Plenos. A súa testemuña directa é que enriquece a celebración deste día.
Aquelas interesadas poden poñerse en contacto co CIM a través do email cim.marin@concellodemarin.es
Ademais, o Concello presentou a viñeta deste ano na que se lles rende homenaxe a estas mulleres, autoría da ilustradora e ceramista Abi Castillo. Esta ilustración estamparase, como xa é habitual, nas tazas que se repartirán na mesma semana do 8 de marzo entre a cidadanía, así como noutro material de sensibilización.