A seguridade viaria e o mantemento dos entornos escolares cos maiores estándares de calidade é un eixo de traballo do Goberno local, que ano a ano segue investindo unha importante cantidade de recursos con este fin. Esta mañá, fontes municipais adiantaron que dentro dos próximos proxectos enmarcados neste obxectivo estará a renovación do pavimento na contorna do CEIP Carballal.
Tal e como se pode ler na memoria xustificativa da actuación, toda esta zona forma parte da rede de camiños municipais e está considerada como un espazo estratéxico, debido a que é un itinerario obligado de acceso a este centro escolar, “polo que é posible actuar para conseguir unha mellora na seguridade viaria do lugar, ordenando o tráfico rodado e peonil cunha nova distribución dos espazos da vía”.
En total, actuarase sobre 3.200 metros cadrados de superficie, nos que está previsto renovar por completo o pavimento e aproveitar a mellora da accesibilidade e da seguridade vial da zona. Para iso, estableceranse itinerarios peonís, reubicarase o paseo de peóns para crear continuidade cos mesmos, colocaranse redutores de velocidade para o calmado do tráfico nos accesos ao colexio e renovarase a sinalización, tanto horizontal como vertical.
Aproveitando estes traballos, desbrozaranse e limparanse as marxes do camiño, así como todas as cunetas e pasos para que a vía quede en perfecto estado de uso.
Segundo se indica na memoria do proxecto, o prazo de execución destes traballos sería dun mes e a inversión total ascenderá a 48.416,53 euros (máis IVE). O Concello está ahora na procura de financiación concorrendo a liñas de subvencións que cobren este tipo de traballos, para así poder levalos adiante á maior brevidade.