Converterse nun experto da cociña da man de Iñaki Bretal será posible no EEIA

Converterse nun experto da cociña da man de Iñaki Bretal será posible no EEIA

07 febreiro 2022

A nosa ría é un auténtico cofre de materia prima espectacular, que grazas ao sector da pesca e do marisqueo vai do mar ao noso plato. O seu paso pola cociña pode facerse de moitas formas, sacándolle todo o partido posible aos nosos peixes e mariscos.

Agora, os hostaleiros e todos os amantes da cociña poderán aprender a cociñar as xoias da nosa ría da man do cociñeiro con Estrela Michelín e membro do Grupo Nove, Iñaki Bretal. As cociñas do Espazo Emprendedor de Innovación Alimentaria de Marín (EEIA), ubicado no Parque Azul, será o lugar no que se desenvolverán estas masterclass, similares á que xa se celebrou hai uns meses.

A formación terá nove sesións repartidas ao longo do 2022, con distintas temáticas. Este xoves, día 10 de febreiro, será a primeira e centrarase nas ostras, nas distintas variedades que hai nas rías galegas, comparándoas con outras especies foráneas.

O 8 de marzo, o peixe protagonista será a lamprea. Os participantes aprenderán como limpala e cociñala para que saiba deliciosa. Xa o 22 de marzo será a quenda das ameixas galegas. Iñaki Bretal ensinará aos alumnos a diferenciar entre a babosa, a rubia, a fina… e todas as variedades típicas da zona.

O 5 de abril, o cociñeiro ensinará facer distintas elaboracións de escabeches marinados e a sesión do 26 de abril servirá para aprender a diferenciar entre especies que levan á confusión, como a navalla e o longueirón ou a zamburiña e a volandeira.

En maio, será a quenda de dous clásicos da nosa cociña: o polbo, ao que se dedicará a clase do día 10, na que aprender a cociñalo ao baleiro; e o bonito, que o cociñeiro ensinará a despezar, neste caso o día 24.

O 20 de setembro será a penúltima masterclass sobre peixes pouco coñecidos e a última, a que pechará o ciclo, será o 4 de outubro, na que se ensinará a técnica fo afumado.

Estas accións formativas contan cunha subvención solicitada polo Concello, ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobadas pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), no marco do FEMP para os anos 2021 e 2022.

Xunto a elas, tamén se inclúe nesta subvención o equipamento da Aula de Formación. O orzamento total é de 31.126 euros, dos cales o 80% (25.705,52 euros) son subvencionados pola Consellería do Mar e o 20% restante son fondos propios municipais.

A iniciativa, ademais, enmárcase nos obxectivos específicos do programa operativo FEMP, que procura o fomento do crecemento económico, a inclusión social, a creación de emprego e o apoio á empregabilidade e á mobilidade laboral nas comunidades costeiras e de interior dependentes da pesca e da acuicultura.

Inscricións

Para participar das masterclass, é preciso inscribirse a través de marin@ajepontevedra.es. Pódese tramitar a inscrición para unha soa das masterclass ou para varias.

A capacidad máxima é de 12 persoas por clase.

Anterior As ONGs fan un moi bo balance da campaña do Nadal

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados