17 novembro 2021
O Vial de Praias non é só para o verán e os establecementos hostaleiros que nel se ubican, tampouco. O bo tempo que está rexistrando o noso municipio no outono convida a pasear polos nosos areais e a tomar algo nos locais de hostalaría que se atopan ao longo desta contorna. E iso é, precisamente, o que queren destacar estes negocios: que a súa actividade segue en inverno.
A alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira Marián Sanmartín, reuníronse con representantes dalgúns destes establecementos, xa que solicitaron ao Concello que se propulse unha campaña de promoción que permita desestacionalizar o consumo nesta zona da vila.
“Moitas veces, a xente nin sabe que seguimos traballando durante o inverno”, aseguran os hostaleiros, que teñen establecementos adaptados para seguir abertos durante a época na que a climatoloxía é algo máis adversa.
Desde o Concello, a alcaldesa brindoulles toda a colaboración “para que poidamos deseñar algunha iniciativa coa que revitalizar o primeiro trimestre do ano, que quizáis sexa o máis complexo a nivel de negocio e de atracción de persoas ás praias”.
En xeral, Ramallo afirmou que esa desestacionalización do Viario de Praias “ten que ser un obxectivo común. Xa moita xente visita os nosos areias en outono ou inverno cando o tempo o permite, pero agora temos que chegar a aqueles que só nos visitan no verán. O sendeiro das praias non só é sinónimo de ocio, senón tamén de aventura, de deporte, de vida sá, de desconexión… E todo iso non ten data marcada no calendario”.
2 millóns de euros, cifra final para o Plan de Sostibilidade Turística
A reparación do Viario de Praias e o fomento dun turismo de calidade, sostible e de cercanía é un dos eixos centrais do Plan de Sostibilidade Turística, presentado esta fin de semana polo vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a alcaldesa.
Aínda que se preveía que a financiación acadada dos Fondos Next Generation da UE fose de 1,5 millóns, finalmente o plan marinense acada 2 millóns de euros de axuda.
“Agora, estamos a traballar na adecuación do noso plan (que inicialmente estaba pensado para 2,8 millóns de euros) á cantidade que nos queda, para cubrir correctamente os eixos que nos esixe a Unión Europea e para pechar con solidez os proxectos que se desenvolverán dentro da estratexia”, sinalou a alcaldesa.