3 setembro 2021
O inicio do novo curso escolar en Marín volverá supor un importante esforzo da nosa comunidade educativa para seguir adaptando a actividade lectiva ás medidas sanitarias vixentes. Aínda que a perspectiva deste curso é moito mellor ca anterior, segue sendo preciso amoldar as clases e o funcionamento nos centros á nova normalidade.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, acompañada dos concelleiros Marián Sanmartín, Elisa Dopazo e Hugo González, iniciou esta mañá unha serie de visitas aos centros para compartir cos equipos directivos e os docentes as súas inquedanzas de cara ao próximo curso.
A alcaldesa adiantou que este ano, de novo, o Goberno local activará as medidas de conciliación e de axuda económica ás familias que faran uso dos comedores escolares. Concretamente, cada familia contará cunha subvención de 10 euros por neno ao mes para facilitar o pago deste servizo e a parte proporcional para os nenos que van só algún día á semana. Ademais, manterase a subvención completa do comedor nos casos que sexan derivados por Servizos Sociais.
Os centros educativos que a día de hoxe contan con servizo de comedor xestionado a través da Fampa, son a EEI O Grupo, o CEIP de Ardán, o CEIP de Seixo, o CEIP da Laxe, o CEP Sequelo e o Carballal, xestionado este último directamente pola Ampa do centro.
O primeiro centro educativo que se visitou foi o da Nosa Señora do Carme, precisamente para coñecer de primeira man a situación do mestrado do centro, de cara a poder establecer algunha reunión coa comunidade educativa do mesmo e mostrar a colaboración do Concello.
Melloras nas infraestruturas dos centros
Ademais, a alcaldesa e os concelleiros aproveitaron para visitas as obras realizadas polos centros durante este verán.
No CEIP Carballal aproveitouse para levar a cabo unha mellora da acústica do ximnasio e no caso do CEIP da Laxe, arranxáronse humidades en paredes e no chan da Biblioteca, ademais do cambio de ventás.
O CEP Sequelo tamén aproveitou para ampliar a súa Biblioteca e acondicionala e a EEI O Grupo realizou labores de mantemento no ximnasio e pintou portas. No caso da Nosa Señora do Carme, acometéronse obras de mellora do patio e en Seixo reparouse parte do muro exterior.
Pola súa banda, o colexio de Ardán aproveitou para pintar as pistas polideportivas e renovar algún dos seus elementos, así como para actuar no patio infantil, mellorando o seu estado.
En total, todas estas obras supuxeron unha inversión de 75.000 euros.
En xeral, Ramallo e o Goberno local desexoulle aos centros visitados unha boa entrada nun curso escolar que, aínda que será de novo complexo, moi probablemente poderá abrir a porta a recuperar unha certa normalidade nas aulas.