Nos próximos días, publicaranse as bases das subvencións para entidades deportivas para o fomento do deporte basee federado, referidos á tempada finalizada 2020/2021. O documento foi enviado ao Boletín Oficial da Provincia á espera de que se publique e as entidades poidan concorrer ás mesmas.
Como novidade, esta convocatoria ten como obxecto repartir a cantidade de 90.000 euros entre os clubs e entidades deportivas rexistradas no Rexistro de Entidades do Concello de Marín para subvencionar a súa actividade deportiva federada durante o prazo que comprende o 1 de xullo de 2020 ao 30 de xuño de 2021.
A cantidade habitual (45.000 eur) vese duplicada este ano debido a que a tempada pasada non foi posible sacar a convocatoria debido á pandemia.
Trátase por tanto de seguir na liña de apoio á actividade dos clubs, ben a través destas subvencións que se repiten cada ano así como o apoio para eventos e actividades deportivas que conta cun importe superior aos 200.000 euros no orzamento do 2021, recentemente aprobado. Todo iso sen esquecer, a mellora constante e mantemento das nosas instalacións deportivas, tales como o cambio de céspede artificial no Estadio Municipal de San Pedro, o arranxo da pista de tenis, melloras na Piscina Municipal así como nas diferentes canchas exteriores situadas nas parroquias de Marín.